Ámote Leo A., de Rosa Aneiros

AMOTE LEO 1Carlos Mosteiro. Mergulleime sen pensalo dúas veces neste triloxía publicada en Xerais entre 2013 e 2014 co título xenérico de “Ámote Leo A.” (Destino xalundes, Estación de tránsito e Terminal…de chegadas?). Non o dubidei porque teño asociado o nome desta escritora co pracer inmenso de ler libros en dúas sentadas, sendo eu, paradoxalmente, un lector lento e demorado. Ocorreume sobre todo con “Resistencia” pero tamén con outros libros seus que teñen a virtude de amarrarme á cadeira.

            Para empezar non sei se chamar a estas tres entregas triloxía. Semellan máis ben un tres en un, ou mellor, un en tres, unha única novela publicada en tres tomos na que a autora libera unha pulsión viaxeira, baixo o formato de libro xuvenil de fronteira. Leo, unha moza que vén de rematar a súa carreira, inicia en solitario unha viaxe que en principio estaba destinada a facer en grupo con compañeiros e compañeiras cos que preparara minuciosamente a aventura. Pero eles bótanse atrás no último momento, deixando a rapaza na estacada, soa ante o perigo. A súa decepción, lonxe de apequenala, exerce de motor de arranque; triste, pero cunha absoluta determinación, disponse a asumir riscos e a chegar ata onde o azar a leve e lle alcancen os 6.000 € que conseguiu aforrar. E así empeza o seu periplo en Lisboa, pasando logo a Barcelona, Granada, Cádiz, Marrocos, Turquía, Praga, Roma, Venecia, París, Bos Aires e Perú, perseguida sempre por unhas pintadas e pancartas que lle aparecen nos lugares máis insospeitados co lema “Ámote Leo A.”, que a fan sentir desconcertada e afagada a un tempo.

AMOTE LEO 2            É unha novela transitada polo  arrouto xuvenil, o impulso vital, o atrevemento e a  ledicia de ser moza e estar viva, escrita cunha linguaxe sinxela, directa, transparente, non exenta ás veces de lirismo, e cunhas descricións de lugares e paisaxes, unhas veces case fotográficas e outras penetradas por esa subxectividade que aporta a inxerencia do estado de ánimo da voz narradora. Conserva ademais, como noutras obras da autora, a mellor esencia desas historias que te atan a un libro que non podes ler na cociña e coa comida ao lume, porque se che vai queimar seguro. Unha novela que resucitará, con toda a nostalxia das lembranzas, ao mochileiro que un día fomos e que ao mellor inda levamos dentro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *