Mulleres escritoras do século XIX. Unha recensión (I)

mulleres escritoras 1Elisa Lobeira. Recibo na aldea, por fin!, un libro que levaba semanas agardando, Escritoras na Galicia do século XIX, publicado en 2014 polo Instituto Padre Sarmiento, en edición de Carlos A. González Paz. Agardábao con desexo e curiosidade, pero póusoo na cómoda a carón do verdó, porque necesito pensar uns minutos, pois o título xa me deixou desorientada. Non é “Escritoras galegas do século XIX” nin “Escritoras en galego no século XIX”. Agardo á noite para ler con calma, de vagar, e así o fago tras ler os interesantes limiares de Antón Pazos e Carlos Andrés González, dous dos colaboradores do volume, e sei do porqué dese título: é unha obra “polifónica” (expertos de dentro e fóra de Galicia a cuxo libre albedrío quedou a elección do idioma ou empregar na súa expresión escrita), o que tras rematar o libro no abrente, paréceme unha sinxela desculpa só para incluír a colaboración de María de los Ángeles Ayala Aracil, a redactora da voz correspondente a Emilia Pardo Bazán, na miña modestísima opinión a máis discutible e frouxa de todo o volume, e non pola lingua.

En segundo lugar González Pérez dinos que é unha obra de “natureza inclusiva”, porque inclúe escritoras de todas as clases sociais (isto debe ser por Nicolasa Añón), sen ter en conta a súa ideoloxía, o seu estado civil, a súa condición segrar ou relixiosa (é certo, hai varias monxas, con algún esquecemento), a lingua empregada (certo, as que escriben “tamén” en galego son dez ou once, e non dan para un dicionario nin se nos indica ás veces na correspondente entrada), a cantidade e calidade da súa obra. Son uns criterios válidos, tan convencionais coma outros, pero razoables. O que se quere dicir, no fondo, e falando en prata, é que non temos suficientes especialistas galegas (ou galegos) para escribir sobre Pardo Bazán ou Sarah Escarpizo (o cal é falso), que son poucas as que escriben en galego e para elas vénlles grande un dicionario (certo), que as monxas estaban moi esquecida dende D. Manuel Capón e o Padre Eiján (certo, se non esquecesen algunhas) e que se trataba de incluír todo o que as mulleres escribiron no século XIX. mulleres escritoras 2Porque a obra é tan inclusiva que é tamén de “vocación expansiva” xa que tamén as escritores oriúndas de Galicia aínda que escribiran fóra de Galicia (un criterio razoable) e as que sendo de fóra “se introduciron no ambiente intelectual, cultural e literario da diáspora galega” (poucas son) pero tamén as “escritoras nativas noutras áreas da xeografía peninsular ibérica e hispanoamericana, cuxa obra se publicou e difundiu –directa e indirectamente- a través dos medios de comunicación impresa de Galicia” (moitas, máis de vinte), ao que se engaden os pseudónimos femininos empregados por homes, mais tamén escritoras do século XVIII e algunha que outra do XVII. Ou sexa, que o que se pretende é amosar o SISTEMA LITERARIO FEMININO na Galicia do XIX.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>