Mulleres escritoras do século XIX (II)

aurora-marco-diccionario-de-mulleres-galegasElisa Lobeira. As obras deste teor sempre nos ensinan cousas e unha xa sabe que é máis doado buscar erros e ausencias que acertos e descubertas, pero non é o meu caso, aínda que coido que, polo moito traballo de investigación que conteñen, polo respecto aos colaboradores e colaboradoras e ao seu labor, merecen unha recensión construtiva que sinale os moitos acertos, pero tente tamén facer suxestións e achegas útiles. Fóra dos muros académicos, lonxe dos centros de investigación, só gobernándome coa miña biblioteca, vou facer algunhas suxestións que espero útiles, pero non se antes felicitar a Aurora Marco, responsable de corenta entradas cheas de datos interesantes e feitas con rigor, como é normal na mellor coñecedora do labor das mulleres galegas , como o demostran As precursoras (1993), que tantos camiños abriu, Dicionario de mulleres galegas: das orixes a 1975 (2007) ou Mulleres e educación en Galiza: vidas de mestras (2002). Bo labor tamén de Carmen Blanco na voz de Rosalía de Castro, pero á que lle suxerirei logo algúns asuntos bibliográficos, e de García Cortés (a entrada de Francisca Isla Losada), Antón Pazos e A. González Paz. Menor papel teñen Kirsty Hooper, Celia Pereira Porto e Laura Blanco. Dicía nunha nota anterior que o que amosa esta obra é o que publican, e len, as mulleres en Galicia, pero quédame a dúbida se un sistema literario pode prescindir das traducións. Penso que non, e xa que se inclúen tradutoras, sería bo saber que libros de mulleres se editaban en Galicia procedentes doutras linguas. É certo que a maioría das mulleres cultas do XIX lían en francés e non precisaban a mediación dos tradutores, e algunhas coñecía o alemán (Francisca González Garrido), o inglés e o italiano.

Francisca González Garrido

Francisca González Garrido

Pero aínda así e todo, non estaría de máis saber que autoras de fóra se traducían e niso os folletóns dos xornais son fundamentais. Cónstame que en Galicia se editaron novelas de George Sand, Mathilde Bourdon, Sophie Cottin, Marie Aycard e Elisabeth Braddon.

Respecto dos escritores que empregaron pseudónimos femininos, son varios seguros e algúns dubidosos, boto en falta os seguintes:

*Blanca Azucena de la China, que publica un Romancero de Pontevedra en 1893, e que é ben coñecido como correspondente a Eduardo Núñez Sarmiento que empregou moitos anagramas e pseudónimos. Tanto a Gran Enciclopedia Gallega como o Diccionario de seudónimos y apodos gallegos (2003) de Santos Gayoso así o aseguran, pero tamén o fan outros repertorios.

* La Filósofa Rancia que en 1812 publica La filósofa Rancia que defiende la sana y católica doctrina del R.P. Rancio en su primera carta contra el señor Argüelles, un volume editado na Coruña, pero que tamén así un folleto na mesma cidade en 1813, ao final do cal figura como “Agapita Clara”. É posible que se trate do polemista Francisco Alvarado, coñecido como o Filósofo Rancio.

*Maripepa d’o Casar, nome que figura nunha “Carta ó tío Marcos d’a Portela”, no xornal homónimo, parrafreo 76 da segunda época. Probablemente se trate de Valentín Lamas Carvajal, ben afeccionado á pseudonimia feminina.

* No mesmo xornal aparece outra carta no parrafeo 97 do 27-9-1885 a nome de Tía Sabela.

*Ignoro quen se agocha na sinatura Una coruñesa, autora da folla “Al ferro-carril” en 1863, que figura no volume primeiro de A imprenta en Galicia. Século XIX (2002), coma outros datos que cito.

* Marta, sinatura que emprega Joaquín Nóvoa Santos en <La Vanguardia> de Vigo (1891-1896).

* Enriqueta, sinatura de Enrique de Lema y Martín en <El desengaño> (1872-1873).

E xa que falamos de pseudónimos tería sido máis cómodo darlles entrada propia a todos e que remitisen a autora á que corresponden, pois non todas e todos sabemos que “Cecilia” é a sinatura de Camelia Cociña. Respecto de incluír ao pobre “Jovita Goyanes” cómpre lembrar que non foi nome tan raro para home na Galicia do século XIX, como o proba o traballo de Fernando Salgado “El boticario Jovita Labarta” (<La Voz de Galicia>, “Mercados”, 22-3-2015, p.20), pero con ese criterio poderían aparecer no repertorio os escritores que tiveron por nome de pía Ventura.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>