Billie Holiday: a grande diva de ébano do jazz

billie_holiday-01Gonzalo Trasbach. Considerada a herdeira directa da magnífica e valente Bessie Smith, primeira estrela que brillou na extensa constelación das deusas de ébano que poboaron o mundo sonoro do jazz e do blues e que faleceu aos 39 anos, Billie Holiday viviu un calvario que talvez endexamais se imaxinara. Pero ao lombo das súas desgrazas ou das súas turbulentas experiencias sentimentais e do consumo de drogas arruinou a súa integridade física e mental. Unha sobredose de heroína acabou coa súa vida aos 44 (1959). A estilizada e “pérfida” Diana Ross encarnou o seu sórdido drama no filme Lady sings the blues, cinta baseada na autobiografía que, baixo o mesmo título, no seu día editou en España Tusquets.

De nome real Eleonora Fagan, Billie Holiday naceu en Filadelfia (hai quen di en Baltimore) un 7 de abril de 1915. Fai, entón, uns poucos días que se cumpriu o centenario da súa chegada a un mundo que foi cruel e inxusto coa grande primeira diva da escena jazzística. Co gallo da celebración, a cantante Cassandra Wilson vén de publicar Coming Forth By Day, un disco no que dota dunha capa de verniz contemporáneo a algunhas das míticas cancións que interpretou Lady Day, e co cal lle rende unha sentida e emotiva homenaxe.

billie 2Pero certamente o máis interesante segue estando nos discos que gravou e non nas distintas biografías que se teñen editado, contando as sombrías e tortuosas rúas que vertebran a atribulada existencia dunha vocalista que pechou a súa intensa traxectoria vital e artística cun monumental testamento discográfico: Lady In Satin (1958), sen dúbida todo un compendio da súa fonda, dramática e quebrada dicción.

Nunha época onde as cantantes vivían sometidas ou subordinadas ao lucimento das big bands, Billie funcionaba como unha instrumentista, era unha auténtica jazzwomen. O seu son parecía a trompeta de Louis Armstrong ou o saxo de Lester  Young. Fraseaba coma os dous e permitíase as mesmas liberdades coa melodía e co ritmo. Rozou o cumio dos seus mellores recursos escénicos con Strange Fruit (1939), descarnada composición de un autor xudeu que denunciaba os linchamentos de negros nos estados do sur.

billie 3Pero os seus recursos remarcounos aínda máis cando coñeceu a Mabel Mercer, artista británica que recitaba máis que cantaba. Con ese metal doente que xurdía da súa gorxa, con esa voz, con ese ferido lamento vocal, que agora moitas imitan con boa técnica, pero sen a forza e a alma que nacen e medran coas experiencias vitais vividas, os discos de Lady Day semellan páramos calcinados, abrasados por a lava interior dun infernal volcán que a devorou cando estaba acadando a súa madurez. Nunca te esqueceremos, Billie.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *