Manifesto para perder amigos progresistas

marx 1X. Ricardo Losada. Asistín o sábado pasado a un debate no auditorio de Rianxo. Catro representantes de partidos políticos (E.U., BNG, PSOE e Podemos) debatían sobre a conveniencia de facer unha segunda transición ou unha primeira ruptura democrática. Como son un apaixonado da Política, todo o que dicían sooume a mil veces repetido. Así que decidín entreterme cun deses xogos mentais que tanto lle gustan á miña cabeciña. Imaxinei que pensaría Marx, o avó de todos aqueles mal levados esquerdistas, daquel debate.

     Como non quero aburrirvos, centrareime no tema, o referendo independentista catalán, que máis abraiado deixou a Marx. Todos os poñentes se centraron na cuestión identitaria e territorial, e ningún no problema da igualdade, a liberdade e a fraternidade, aquel lema da Revolución francesa (e do cristianismo primitivo, mutatis mutandis), que está no frontispicio do marxismo e demais movementos da esquerda europea dos dous últimos séculos (tamén mutatis mutandis, por suposto). Marx indignouse. Parecíalle incrible que a esquerda conseguise en Cataluña o que levaba douscentos anos buscando, e non o aproveitase. Aquilo polo que naceran a I e a II Internacionais e a Comuna de París, e polo que morreran miles de persoas en folgas, guerras e barricadas. Por primeira vez na historia, unha clase dominante afirmaba, e accesible a todo o mundo en Internet (¡quen lle dera ao fantasma do Manifesto comunista!), que o pobo tiña dereito a decidir o seu destino como pobo. cataluñaAínda que son internacionalista, díxome Marx, como non teño datos sobre qué pasou nos últimos cen anos en Europa, non vou opinar sobre se é conveniente facer un referendo independentista, pero o que é insultante é que só lle pregunten ao pobo se queren que Cataluña se converta nun Estado, e se queren que ese Estado sexa independente. Caen, outra vez, na trampa da burguesía. Xa que esa burguesía di estar a favor, por fin, de que o pobo decida, a esquerda debería esixir unha terceira pregunta: ¿Quere vostede que o novo Estado catalán sexa economicamente igualitario?

     Pero o máis patético foi cando apareceu pola miña cabeza o catalá Jorge Wagensberg e, informado do que estabamos a falar, dixo: “Hai dúas clases de innovación: unha horizontal que consiste en cambiar a resposta (evolución) e outra vertical que consiste en cambiar a pregunta (revolución)”. Marx mirou a Wagensberg admirado. “Se eu dominase a técnica do aforismo”, dixo, “non perdería tantas horas escribindo e pensando, e tería máis tempo para atender a familia. Eu sabía a que se refería. Marx fora moi criticado porque desatendera as necesidades básicas da familia mentres escribía O capital, a súa obra magna. Recordei o que dixera a filla: “Era mellor que meu pai lle dedicase máis tempo a conseguir capital que a criticalo”. Como non puiden preguntarlle a Marx (marchou amoucado) se estaba arrepentido, díxenlle a Wagensberg.”Menos mal que se foi, así non lle deu tempo a saber que todos eses esquerdistas fixéronlle máis caso á filla cá el. Coa cantidade de problemas serios que hai no mundo, e que precisan unidade das forzas progresistas, pasan o tempo intentando demostrar o diferentes que son, e logo, na vida diaria, teñen os mesmos valores, inquietudes e prioridades.

Foto: Pablo Nestadt
Foto: Pablo Nestadt

Están encantados de coñecerse a si mesmos e de seren parlamentarios ou líderes dos seus partidos, teñen un ego de aquí ao infinito, presumen das mesmas cousas (mutatis mutandis) que Isabel Preysler, educan os fillos para que triúnfen no sistema capitalista e gábanse se o conseguen, chámanse a si mesmos indignados e non fan máis que sorrir e pasalo de marabilla, mesmo cando se manifestan… ”. Wagensberg gargarexou para interromperme. Como Marx, tiña mentalidade de científico e non estaba para perder o tempo con frivolidades. “Ter un plan é necesario aínda que só sexa para apartarse del”, dixo con esa precisión e brevidade, con ese amor á verdade, que eu tanto botaba en falta naquel tipo de debates.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *