Mulleres escritoras do século XIX (III)

allarizElisa Lobeira. Sería desexable que este repertorio de escritoras na Galicia do século XIX fose unha obra en marcha e que no futuro coñeceríamos novos nomes femininos dedicados á escrita. Fago agora algunhas suxestións de autoras galegas ausentes no volume:

  • Xa que a obra recupera nomes dos séculos XVIII e XVII, sería o normal que incluíse a Sor Isabel Rodríguez, monxa profesa en Allariz que presentou un poema ás Festas Minervais compostelás en 1697 e que foi editado no volume homónimo e que Xesús Alonso Montero anota no Estudio literario das festas minervais compostelanas de 1697 (1993), que acompaña a edición facsímile do raro volume. Non hai dúbida de que era galega pois o editor de 1697 anota “de este Reyno”, e que tamén inclúe Cid Rumbao na súa Historia de Allariz, villa y corte románica (Ourense, 1984), a quen lle “parece extraño que poesía tan alambicada proceda de una mujer”, opinión que corresponde co tópico da muller como escritora “sensible” e non “intelectual”. Alonso Montero cualifica a glosa da alaricana como feita con “pericia conceptuosa”, obra “dunha das primeiras mulleres galegas que publican poemas”, o que é certo, pois só conservamos dous poemas anteriores de Isabel de Castro e Andrade, do século XVI.
  • C.F., iniciais da, ata agora, primeira poeta en galego do século XIX. Asina un soneto en galego nas Glorias del Caballero Azara en el siglo XIX (1852 e 1854), que inclúe dez textos en galego, entre eles o que primeiro aparece como de C.T., pero que na fe de erros se corrixe para C.F., e da que se afirma que era unha “señorita de Orense” de 18 anos (nada pois cara a 1833-34). O soneto leva por título “O primeiro marqués de Nibbiano” (que o era Nicolás María de Azara), está ben escrito e nun galego culto como corresponde ao tema. Non tivo a sorte de que Antonio de la Iglesia o incluíse no Álbum de la Caridad (1862) nin de que de aí o tomase Carballo Calero. album da caridadDa obra hai exemplar na Universidade de Santiago e foi Xosé Xove Ferreiro quen publicou o traballo Noticia da colaboración galega na coroa de Azara, editado no volume segundo de Cinguidos por unha arela común (1999), a homenaxe da USC a Xesús Alonso Montero. Di con razón Xove que “vén a se-la primeira muller do Rexurdimento que publica en galego” e que “polo de agora non conseguimos darlles un nome e un apelido a esas iniciais”. Conseguiuno alguén? O texto dorme no limbo e non adoita reproducirse. Eu teño unha candidata para as iniciais, Carmen Flamant (a “señorita de Flamant” que anota o Álbum de la Caridad.
  • Se as autoras nacidas en Galicia, pero que desenvolve o seu labor fóra do país e asimiladas a outras culturas deben figurar aquí, como é o caso de Francisca Sarasate, todas as fontes que consultei indican que era galega Isabel Villamartín y Thomas, morta en 1877, escritora en castelán e catalán, presente nos Jocs Florals de Barcelona en 1859, poeta, dramaturga e autora de Horas crepusculares (1865), La Envidia y la Caridad (1872) e Un día de lágrimas (1859). A popular Espasa e Hormigón dána como galega, non o era?
  • Perfecta Castro, mestra pontevedresa, autora dos opúsculos Nociones da historia de España (1883 e 1893, Pontevedra), Programa de dibujo aplicado a las labores, con ligeras nociones de geometría (1883, ibid) e Programa da gramática castellana para la enseñanza elemental (1883 e 1893). Era profesora da Normal da Pontevedra e colaboradora de <La Revista Popular>.

Fóra destes nomes, e ignorando se son galegas, anoto outras pistas:

-Baronesa de Olivares, que colabora en <El Ángel del Hogar> (1894).

-Luísa Moleu, colaboradora de <Álbum Literario> (1888-1893).

-María Antonia González, que escribe en <La Estrella Galaica>.

-Adelita Arce, en <La Estrella Galaica>. Moitos destes datos proceden do Diccionario da Literatura Galega, coordinado por Dolores Vilavedra, no volume dedicado ás publicacións xornalísticas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *