O padriño de Murguía

MurguíaFrancisco Ant. Vidal Blanco. Pouco a pouco imos acotando os motivos polos que a nai de Murguía foi dar a luz a Oseiro, e cada vez que nos acercamos a esta misteriosa coincidencia máis nos sorprendemos. A razón dada por don Vicente Risco de que dona Concepción Murguía ía en peregrinación desde A Coruña á Virxe de Pastoriza cando lle viñeron as dores do parto, non se sostén se temos en conta que O Froxel queda tres ou catro quilómetros máis aló do destino. A outra razón déunola unha señora nonaxenaria, de Oseiro, que coñecía á familia dos Crego (alcume de quen foi padriño de bautizo do patriarca), apuntando que posiblemente a nai do historiador estaba tomando os baños en Arteixo e era desde alí que se desprazaba ata Pastoriza, e viñéronlle as dores do parto subindo a costa de Oseiro aquel 17 de maio de 1833. E se a todo isto lle engadimos que, no momento de nacer, os pais aínda non estaban casados, medran as dúbidas, pois de tal condición enténdese que non vivían xuntos, aínda que si puidesen ter unha boa relación, como se demostra no feito de que ó pouco tempo de nacerlles o fillo casan e «legaliza la prole», como di a acta de bautizo en nota á marxe.

Pero a que tal vez sexa a razón definitiva pola que Murguía naceu en Oseiro, apuntóunola o escritor e historiador arteixán Xabier Maceiras, tamén pertencente á familia dos Crego, e que lembra contos da súa avoa, quen lle falaba dun baúl cheo de libros de medicina que foran dun antepasado seu que estudara para médico en Santiago, pero non rematou a carreira. Aquel antepasado ben podía ser Manuel Antonio Pan, o padriño de Murguía e en cuxa casa naceu o futuro historiador. Manuel Antonio Pan viña tendo, máis ou menos, a mesma idade co pai de Murguía, e dadas as circunstancias permitímonos supoñer que ambos se coñecían da época de estudantes en Santiago, onde, aínda que o arteixán non rematou a carreira, o seu amigo Juan Martínez (pai do patriarca) fixo a de farmacéutico, exercendo nos días do nacemento do seu fillo nunha farmacia coruñesa. E entendemos que, unha vez que dona Concepción lle participou o seu embarazo a quen naquel tempo non era máis co seu pretendente, este buscoulle un lugar de confianza para levar con ben a xestación ata que casasen.

Postos en contacto coa Universidade de Santiago co fin de encontrar unha relación de alumnos da época, non aparecen listas de matriculados deses anos, documentos seguramente extraviados ou destruídos.

Como sabemos, Manuel Antonio Pan non chegou a ser médico, pero exercía como tal entre os seus veciños, e de feito o seu fillo, Antonio Pan, figura na acta de defunción como «practicante de cirurxía». E toda a familia seguiu tendo unha querencia especial pola medicina, pois sabemos dunha neta deste cirurxián que exerceu de parteira na parroquia de Oseiro.

De todo isto falabamos con Xabier Maceiras e o seu curmán Pepe Vázquez, quen contou unha triste pero esclarecedora historia familiar, chea de misterio, segundo a cal, un neto do cirurxián, chamado Ventura Pan, tío-avó do noso informante, herdou a afección polos libros de medicina, e como sempre estaba lendo naqueles que se gardaban nun baúl, na casa reconvíñano, que non lle collese gusto a aquelas lecturas, porque a familia non tiñan cartos para pagarlle a carreira, e sen título non podería exercer; como advertíndoo contra a tentación de dedicarse a tal ciencia sen o pertinente diploma, sentencia que nos fai intuír que, algún antepasado, exercendo o oficio tivo algún tipo de problema.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *