De literatura australiana

las llanurasMiguel Mariño. Que sabemos da literatura australiana? Eu, ben pouco, se é que existe unha literatura australiana “per se”. Os que saben din que o illamento e o “rexionalismo” condicionaron a súa historia literaria, con magníficas descricións paisaxísticas, pero sen proxección internacional, a non ser nos autores que se integraron na literatura da metrópole, é dicir, Gran Bretaña. Na miña memoria aboian dous nomes: Patrick White, o premio Nobel, e o narrador Morris West, si, o autor d’As sandalias do pescador e d’O avogado do demo. Por iso sentín curiosidade por Las llanuras, de Gerald Murnane (1939), publicado por Minúscula en 2015, en tradución de Carles Andreu. Un libro moi “moderno” canto que non ten un xénero moi determinado, un relato sobre un cineasta que estrema coa “literatura do eu” e que, coma o título indica, se desenvolve nos territorios centrais de Australia. Pero o libro sorprendeume, porque non é o que un espera, está fóra do horizonte de lectura que un agarda dun libro coma este, sen que por iso conteña nin dificultades técnicas nin “sorpresas”. murnaneEspellismo do territorio escribiu Bail, goce por narrar, obsesión por un territorio que se describe nas súas obsesións, mesmo heráldicas, con certa distancia. Literatura que atrae e logra apegarnos á páxina máis alá do suspense. A edición orixinal é de 1982 e considérase xa un clásico da literatura australiana. Un Sebald menos “duro” e máis lixeiro, sempre que este adxectivo non se entenda como “feble”. Boa mestura da viaxe, exterior e interior, da ficción e do ton ensaístico.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *