Máis viaxes

diccioRomán Arén. A literatura odepórica, de viaxes, ten moitos atractivos para un ser sedentario coma min, que aínda non coñece ben a súa vila natal e que só goza das viaxes afora se están en letra impresa. Posúo uns cantos libros de viaxes, pero gusto moito dos catálogos, onde sempre aprendo moito e onde atopo libros que acenden a miña imaxinación e que me poño a cachear. Hoxe ando a remexer no Diccionario biobibliográfico de viajeros por España y Portugal (2010) de García-Romeral, que abrangue máis de 2000 escritores de diferentes linguas que viaxaron pola Hispania, con predominio de anglosaxóns e francófonos. A obra ten moito interese para os que se interesen polos viaxeiros por Galicia, sexa dedicándolle un libro ou un capítulo dunha obra máis xeral. A Galicia viñeron, entre outros, James E. Alexander, que entrou a Portugal pasando por Vigo, María Alven, Ruth M. Anderson, Anselmo de Andrade, Eliseo Bayo, A. FG. Bell, Eusebio Blasco, Bonafede, Bonnet, Borrow, Bradford, Bromley, Cavalli, Cela, Crawford, Cuelvis, Crusy, Dalrymple, Davillier, Dienzaide, Duijil, Whingen, Alfredo Escobar, Espinàs, Fernández-Guerra Orbe, Fontana, Richard Ford, Foreman, Fraçois de Tours, Gadow, Garaudé, Harff, Herbert, Huntington, Ilsung, Jardine, Jiménez de Urrea, Jouvin, King, Kingston, Kinsey, Von Vach, Laborde, Lacroix, Lalaing, Lannoy, Lassota, Leck, Leigh, Leübling, Lithgow, Llamazares, Lomas, Lucio López, Lorinsen, Manier, Mathieu, Meakin, C. De Médicis (estudado por Filgueira), Mellado, Merson, Michener, Milford, Monconys, Morales, Münzer, Nadal, Nootebboom, O’Reilly, Ormsby, Ortega Munilla, Ortel, Pelczar, Pérez Nieva, Peris, Petitcolin, Piccardi, Pidal, Pococke, Popiolovo, Porter… e moitos máis. william-thackerayMoitos destes viaxeiros son, claro é, viaxeiros a Compostela, á campa do Apóstolo. Hai xa moitas reedicións e mesmo traducións ao galego (Borrow, Bell…), que a obra sinala. Hai ausencias, eu creo que as máis significativas Otero Pedrayo, Fernández del Riego e González-Alegre. Contén a obra tamén varios autores galegos que viaxaron a outros lugares da Península e mesmo algún viaxeiro da nosa bisbarra (Álvarez de la Braña, Lisardo Barreiro). Sabiades, por exemplo, que o autor de Vanity Fair, Thackeray, estivera en Vigo? Ou que as páxinas dedicadas a Corcubión por Basil Hall, o viaxeiro escocés do XIX, foron reeditadas en Exeter en 1975? Malia as ausencias, é unha obra importante como punto de partida para traballar sobre viaxeiros en Galicia, que se ben xa o fixeron Gustavo Garrido e Juan Arias, hai aínda moito por explorar.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *