Un remedio para os antisemitas

Si esto es un hombreRomán Arén. Sigo na prensa a polémica sobre un edil madrileño, de quen prefiro non lembrar o nome, que tivo a fantástica idea de “escribir” un “chiste” sobre o Holocausto. Admiro a temperanza e a prudencia da pequena comunidade xudía española, pero solidarízome co que están pensando e sentindo: preocupación, noxo, medo, desprezo. Non hai no século XX ningún outro acto cruel de tal magnitude coma os fornos crematorios dos campos alemáns, e que outros actos sexan tamén censurables non xustifica a comparación co Holocausto, fágaa quen a faga. E lembrar que non só foron gaseados, torturados, humillados, os xudeus, senón tamén xitanos, homosexuais e prisioneiros políticos, entre eles bastantes españois (e galegos, entre eles uns cantos da miña vila, que nunca mereceron un recoñecemento).

Como supoño que, ademais do antisemitismo tradicional, inflúe a cuestión palestina nestes comentarios, aseguro que pouco favor se fai a unha causa banalizando o horror do Holocausto. E menos incitando o antisemitismo, que xa vimos a onde conduce en Francia, en Exipto e noutros lugares. O auxe da extrema dereita no norte de Europa e en Grecia acabará por infestarnos de revisionistas e antisemitas, pois sempre se buscan culpables minoritarios para os males. vivirtrasauschwitzUnha boa receita para o mal do antisemitismo é a lectura de Primo Levi e a súa obra Se isto é un home. Ou do breve libriño que o Xornal <Periódico> publicou en 2011: Vivir para contar. Escribir tras Auschwitz, que reúne case vinte traballos do autor italiano que estivo preso nos campos alemáns. Un intelectual serio, que fala sempre como testemuña e non como vítima, que se nega ás culpabilidades colectivas a nivel xurídico, pero non moral. Nunca chegamos a crer que puideran volver tempos de chumbo, pero hai que estar de garda para curar os primeiros síntomas desa enfermidade mental. Porque o holocausto só tiña unha finalidade, non producía beneficios a non ser ás empresas alemás; unha finalidade aberrante e brutal. O problema non é de culpa colectiva, escribe Levi, senón de vileza colectiva, de falta de valentía moral, de ignorancia, de renuncia colectiva á civilización.

2 comentarios en “Un remedio para os antisemitas

  1. Non hai resposta. Entendo que pode ser por dúas razóns: o autor non viu o meu comentario; ou o autor non quere responder. Se non quere responder, quizá sexa porque non se atreve a reproducir un “chiste” cuxa soa mención xa acarrea o título de “antisemita”. Pero neste tempo, e acudindo ás fontes (a esa prensa mencionada por Román) fun quen de averiguar cal foi o “chiste”, o que me provoca uns comentarios:
    O texto de Román é un tanto tendencioso e oscurantista: “alguén” dixo “algo”, e iso é “antisemitismo”, sen mencionar nin quen o dixo nin que dixo. Afirma que un edil “escribiu” un “chiste”, o que non é certo, porque, repasando esa prensa á que acudiu Román para informarse, cando o “escribiu” non era “edil”. “Escribiu” tamén parece indicar que foi invención súa, cando é un “chiste” que todo o mundo coñece porque algunha vez o escoitoi e/ou o contou. Iso non é “escribir” un chiste. O que boto de menos é a mención dos contextos. A mera reprodución do chiste é “antisemitismo”? Como é que Román entón o coñece? A prensa na que o leu é antisemita? Ou o contexto (dar información á cidadanía) xustifica a súa reprodución, e polo tanto o contexto no que se repite o chiste é importante? Se isto é así, por que non se menciona o contexto no que o “edil” que non era edil reproduciu o “chiste”?
    En canto ao “chiste” en si: é racista? antisemita? Non o creo. É humor negro, bruto, de mal gusto (pero non é esa a definición de humor negro?), pero non racista. Outro “chiste” citado na prensa nesa época alude a Irene Villa. Semella que hai xente que acusa a quen reproduza ese chiste de apoiar o “terrorismo”. Menos mal que aínda queda xente sensata, como a propia Irene Villa, e non ven no chiste mais que una mostra de humor negro, que en ningún momento atenta contra a súa dignidade como persoa.
    Un saúdo afectuoso

  2. Grazas por este artigo. Pero despois de tanto tempo escoitando falar do famoso “chiste”, gustaríame que pudeses reproducilo para poder opinar por min mesma. De momento, só podo delegar na opinión dos demais.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *