A xeometría diestana

arquivos xeoRomán Arén. Xosé Díaz (Lugo, 1980) é matemático, pero tamén doutor en Filosofía cunha tese sobre a obra matemática de Rafael Dieste. Produto desa tese é este libro, e non é pequeno mérito converter un extenso traballo académico nunha obra de pouco máis de cen páxinas precisas, claras e comprensibles para un público amplo, acompañadas dun limiar doutro especialista diestano, Arturo Casas.

Un estudo sobre a parte da obra do rianxeiro menos visible e analizada, para que comprendamos a postura heterodoxa de Rafael Dieste sobre o quinto postulado de Euclides, que non consegue converter en teorema. Pero que precisa unha aclaración non só matemática, senón tamén filosófica, xa que entronca co resto da produción escrita do rianxeiro para amosar o lugar que o ser humano ocupa no mundo.

A xeometría do autor de Dos arquivos do trasno «valida argumentos doutros momentos creativos» do escritor.

É certo que Dieste erra ao pretender converter o postulado euclidiano en teorema, pero non foi un intento van xa que logra aproximalo a unha teoría da realidade para dar conta da súa estrutura e de como o home participa nela.

Esa teoría xeométrica logra, pois, «tender pontes con outras zonas do pensamento de Dieste e amosar a marxe de unidade subsistente en todo o seu tecido creativo». Un Dieste suxerinte, vencellado á intuición kantiana no que respecta ao tempo e ao espazo como formas intuitivas.

No fondo, Dieste quere darnos a relación entre xeometría e realidade. Un pé na terra e a alma en voo.

«Dos arquivos xeométricos. Razón e realidade no pensamento de Rafael Dieste»

Xosé Díaz Díaz

Axóuxere (Rianxo, 2015). 171 páxinas

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *