Redes solitarias

soledad-red-L-qOqEhpX. Ricardo Losada. Nunca entendín por que lle chaman rede social a facebook cando é evidente que é unha rede para persoas solitarias. Non hai máis que ler as mensaxes dos usuarios (Estou aquí, ti estás aí?) para saber que viven como a unha. O caso máis evidente, por extremo, é o que pasou na última campaña electoral. Ducias de mensaxes insultando os que non pensan coma un. Traidores, rastreiros, ignorantes, foron os cualificativos máis leves. Unha vez reprocháronlle a Sócrates que ficase impasible tras recibir unha patada. El dixo: «Se lla devolvo, sería tan asno coma el». Estes insultadores, non. Devolven o insulto, aumentado.

Pero iso non é o peor. Preocúpame máis a reacción deses inxenuos demócratas que intentan reconducir os insultadores chamándolles intolerantes, e comparándoos cun ogro ou cun doberman. En vez de solucionar o problema, eternízano. Só se resolverá cando nos decatemos de que eses insultadores parécense máis a un oso de peluche roto tirado no lixo que a un ogro, máis a un can de palleiro abandonado que a un doberman que protexe a finca do seu amo. Máis que criticalos, debemos compadecelos. Séntense tan desprezados e desamparados que insultan porque non coñecen outra forma de conseguir compañía.redes 2 Habituados a que ninguén lles faga caso (nin a parella, nin os fillos, nin os amigos), atopan no insulto político o mellor método para que alguén os teña en conta. Son como eses mozos que molestan no instituto porque na casa pasan deles. Prefiren que os profesores os castiguen antes ca sentir que tamén lles son indiferentes. Ou coma eses individuos que se pasean polas vilas lucindo un supercoche. Non están chuleándose. Suplican un pouco de cariño.

Eu non vou cometer ese erro. E como son profesor de Ética e gústame predicar co exemplo, tras pedirlle permiso á muller, decidín que cando vexa pola rúa a algún deses insultadores, dareilles un sentido abrazo, ou, nos casos máis graves, un apaixonado bico nos beizos. E non só iso. Tamén ofrezo o meu teléfono. 657432872. Di a muller que abrazando e bicando son bastante mediocre, pero que escoitando son único.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *