Sumisión, de Houellebecq

sumisionCarlos Mosteiro. Nin un guionista cheo ata as cellas de alucinóxenos, nin o director de mercadotecnia máis perverso podía prever un escenario semellante. O mesmo día do atentado contra Chalie Hebdo chegou ás librerías “Sumisión” (Anagrama), que xa antes de saír levaba dentro o cebo/declaración de provocación islamófoba en 300 páxinas. O destino exerceu de macabro publicista, e o enfant terrible, logo da primeira impresión, fíxose inda máis terrible, pagando, iso si, a peaxe de ter que andar con escolta seguramente o que lle resta de vida.

Máis alá do seu talento, que non discuto, a min Houllebecq desacóugame. Non polo pouso reaccionario e a provocación que leva adherida a súa marca. Non hai que esquecer que parte da gran literatura francesa do século XX provén de extraordinarios escritores reaccionarios, mesmo algún deles directamente filonazis. Pero con cada libro, Houellebecq semella ir un pouco máis alá. Nun principio só eran pequenas travesuras, ataques contra o 68 (“As partículas elementais”), ou contra a ben pensante e pedófila, sobre todo nas súas vacacións tailandesas, burguesía francesa (“Plataforma”). Agora xa semella cuestionar os valores republicanos, mesmo dispara por elevación contra a Ilustración.

Máis alá do provocador hai un escritor de nivel, ou polo menos solvente, que nos entrega unha historia de política-ficción ambientada na Francia dun futuro próximo, fantasiando coa posibilidade de que un goberno islámico se instale nas máis altas instancias da república, iniciando a islamización exprés da cidadanía e das institucións. Seguramente pola prevención con que lin a novela, influído polo barullo mediático que a precedeu, ao final case non me quedou claro se as acusacións eran certas.sumision2 É realmente unha novela islamófoba? O foco podería poñerse igualmente no acomodaticio da sociedade gala unha vez producida a desfeita. De ser islamófoba seríao por sublimación. Negándolle toda posibilidade ao diálogo de civilizacións, a cousa formúlase máis ben en termos vitoria/derrota. O resultado do partido non se vai decidir polos bos sentimentos nin o pacto, seguramente tampouco precisará da “guerra santa”. Bastarán os petrodólares e a demografía. O razoamento leva a Houllebecq a un punto de non retorno. Se a batalla só se gaña con orde e reprodución, os valores da Ilustración estorban, son unha rémora. Hai que volver á tradición, á relixión e á familia.

            Moi forte. Mesmo para Houellebecq.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *