Galicia e os galegos na poesía castelá IX. Eugenio D’Ors

dorsRomán Arén. Non é fácil de explicar a figura humana e literaria de Eugeni D’Ors, polémica e versátil. Home fundamental na cultura e na política catalás até 1920, dende o ano anterior foi pasando á cultura castelá, cambiou de lingua (como Eugenio Montes entre nós), ingresou na Real Academia Española en 1927 e en 1937 pasou do catalanismo á Falange Española. Nacera en 1882 e obras como “A morte de Isidro Nonell” (1905), “Glosario” (1906) ou “A ben plantada” (1912) son obras capitais no chamado Noucentisme catalán, esa mestura de clasicismo e novidade, de catalanismo e cosmopolitismo. Magnífico crítico de arte, famoso por Tres horas no Museo do Prado (1923), comprendeu coma poucos, moi pronto, a arte de Picasso e de Cezanne, aos que dedicou senllas monografías, mais tamén é moi importante a súa interpretación de Goya. Narrador, crítico, ensaísta, as súas “glosas” influíron nas “lerias” de Risco, pero foi tamén un interesante poeta e autor de obras como Oceanografía do tedio e O Barroco.

Alonso Montero inclúe o poema “Rosalía y un paisaje” na Coroa poética para Rosalía de Castro 1985), tomándoo dun dos volumes do Glosario, pero xa aparecera en 1925 na obra El molino de viento, para ser reeditado en 1947 no tomo I do Nuevo Glosario

Sobre la ría/un astro se moría/Rosalía/de Castro de Murguía.

D’Ors, que morrerá en 1952, tivo un certo liderado intelectual na Falanxe e boas relacións, pois, cos galegos Euxenio Montes, que lle dedicou Estética da muiñeira, e Jesús Suevos, o líder do falanxismo galego e autor de La luna y sus cómplices. Xenius, pseudónimo de D’Ors, tivo un fillo, Álvaro, catedrático en Compostela e un neto, Miguel D’Ors, que naceu na capital galega e que é bo poeta e ensaísta.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *