Galicia e os galegos na poesía castelá XVII. Gil Parrado

palomeroRomán Arén. Se houbo un galego famoso no mundo, que era sobre todo París, antes de María Casares, foi a “Bella Otero”, a nosa Carolina, a que tiña o lagarto pintado. E se houbo un poeta humorístico famoso na prensa de Madrid entre 1895 e a primeira guerra mundial foi “Gil Parrado”, é dicir, Antonio Palomero (Madrid, 1869-Málaga, 1914), que recolleu as súas poesías satíricas ou humorísticas en varios volumes, o máis coñecido co título de Cancionero de Gil Parrado (Madrid, 1900). Bohemio, amigo de Valle, de Carrère, de Paradas e de Manuel Paso, foi ademais magnífico divagador e xornalista con graza. Víctor Fuentes, xa desaparecido e que ten colaborado en <Grial>, recolleu o poema de Palomero a Carolina Otero na súa interesante antoloxía Poesía bohemia española (1999), na que anda tamén o galego Xavier Bóveda. O poema, claro é, titúlase “La Otero”, e é enxeñoso, relativa e ironicamente amable. Ofrezo só fragmentos:

Se encuentra en Madrid la Otero;/la célebre bailarina,/graciosa, elegante y fina,/y asombro del mundo entero./Sin duda, conocerán/ustedes a esa eminencia,/doctora en la antigua ciencia/productiva del flin flan…/Mas la cultura de España/la representa esa hermosa/cuando baila la famosa/danza del mata la araña./Ella por nosotros brilla/en aquel pueblo fecundo,/y en el cerebro del mundo/ocupa nuestra celdilla.

O cerebro do mundo é París, e a Otero é unha “eminencia/como muchas ¡con los pies!”. Non hai dúbida de que a Otero foi un dos grandes mitos eróticos do seu tempo.

Polo demais, e aproveitando que o Sar pasa por Padrón, o libro de Fuentes inclúe a Baroja como poeta, o xénero no que é menos coñecido e no que publicou Canciones del suburbio (1944). No poema “Espectro de bohemios”, no que lembra os autores da súa época moza, aparece un galego, Bargiela, o autor de Luciérnagas (1900), pero reeditado hai pouco):

Bargiela cuenta historietas/de su vida de Santiago…

Bargiela morreu en Casablanca, como cónsul, en 1910 e sábese que colaborou con Valle nalgunhas adaptacións teatrais. É, ademais, personaxe de La casa de la Troya  de Pérez Lugín, que o tratou en Compostela.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *