As vacalouras de Queipo

VacalouraAgustín Agra. Este día recibimos na horta a visita dun fermoso macho de vacaloura (Lucanus cervus). Ao meu fillo non lle sorprendeu escoitarme dicir que empregaba as súas poderosas mandíbulas semellantes a cornos para pelexar con outros machos polos favores sexuais das femias; sabe –tendo a ser un tanto reiterativo–, que en moitas outras especies de animais se dan similares comportamentos de competencia. Durante un rato buscamos pola presenza doutros exemplares: quizais puidésemos contemplar unha dispusta ou mesmo, con sorte, a éxtase dunha cópula –xa vería como mas arranxaba para explicarlle con palabras o que alí estaba sucedendo–; ou quizais, cando menos, poderiamos ver como o noso exemplar de coleóptero abría os élitros, as ás córneas externas, e despregaba as internas membranosas para iniciar un dos seus voos espectaculares nos que pode sustentar o seu corpachón case estático no aire. Mais o certo é que a fortuna non andou do noso lado; o becho mantívose en todo momento indiferente á atención dispensada.

Daquela pensei que era unha mágoa que Antón non fose maior –conta tan só cinco anos– para darlle a ler os relatos que Xavier Queipo lle dedica a este escaravello no apartado Entomoloxía recreativa do seu libro de relatos 55.

5555 foi unha das lecturas que levei canda min nunha viaxe pola República checa o pasado xullo. Lin o relato O apareamento dos escornabois á sombra dun ulmeiro nun parque de Brno, moi próximo á horta do convento onde Gregor Mendel cruzaba variedades de chícharos e pariu as Leis da herdanza dando pé ao nacemento da xenética, co pensamento de que as observacións de Queipo sobre o toro dunha pereira eran ben máis lúbricas que as do monxe agustino. En Telc busquei amparo baixo unha pereira brava, escolla para nada fortuíta, para dar conta de Resistencia acuática, onde o autor investiga a capacidade natatoria e de navegación dun outro escornabois, como tamén se lle chama a este insecto entre nós. A miña memoria non ten rexistrado en que lugar encetei a lectura de Estratexias de comportamento sexual en insectos, pero o título é xa o suficientemente suxestivo como para xustificar o meu goce.

Ao pouco, cando cansei da procura infrutuosa dalgún novo cornetán, sentei a tomarlle un té –sen acougo e sen azucre, ao estilo She-Sha-Kwo, o chinés que vive, ou vivía, en Cangas–. Só entón, entre sorbo e sorbo, caín unha vez máis na reflexión de que as nosas querenzas non tiñan por que ser as mesmas. E logo non sería mellor deixalos tranquilos, ao escaravello e ao neno, e, cando o cativo medre, que el mesmo faga as súas propias escollas: sexuais, literarias e entomolóxicas?

2 comentarios en “As vacalouras de Queipo

  1. Por certo, e a propósito de Queipo: se alguén coñece onde podo facerme cun exemplar de Nos dominios de Leviatán (Tambo, 2001) ou Manual de instruccións (Xerais, 1999) –hai anos que ando atrás deles sen éxito-, por favor, que mande recado.

  2. Pouco a pouco foron pechando…menos mal que abren outras novas…e vintecatro horas ao día…con un café exquisito…e uns cafeterios xenias…outro,por favor

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *