Un amor furtivo

assiaXerardo AgraFoxo. O domingo 23 de marzo de 1969, contra o solpor, despois de consumir alcohol e barbitúricos, unha muller de 41 anos abriu as chaves do gas da cociña da súa casa, deitouse no chan –sobre unhas mantas– abrazada á súa pequena filla, Shura,  e as dúas morreron por intoxicación de monóxido de carbono. Seis anos antes, en febreiro de 1963, no 23 de Fitzroy Road, unha poeta americana suicidouse do mesmo xeito, tiña 30 anos, pero deixou  a salvo os dous fillos: Frieda e Nicholas. A primeira muller chamábase Assia Wevill. A segunda, Sylvia Plath. Detrás, un home: Ted Hughes, un sedutor compulsivo.

Assia Wevill é unha magnífica biografía escrita por Yolanda Korem e Eilat Negev. Nela cóntase a historia desta muller, filla dun médico ruso, que abandonou a Alemaña nazi para instalarse en Tel Aviv e máis tarde en Canadá e Inglaterra, onde coñeceu o seu terceiro marido, o poeta David Wevill. Unha frase marcará o rumbo da súa curta existencia: “Vou seducir a Ted Hughes”. Así llo espetou a unha amiga cando estivo  na residencia Ted e Sylvia en Court Green. Era o comezo dunha treboada que duraría seis anos.assia 2 Outra frase, neste caso un epitafio, definiu a vida desta muller que con sete anos xa falaba catro idiomas: “Aquí descansa unha amante da sen razón e unha exiliada”.

Despois da morte de Assia, Ted viviu con Brenda Hedden, que relata no libro un curioso acontecemento: “Eramos moi apaixonados, e despois de facer o amor díxome que casara con Carol. Enviouna coa súa familia e pasou a lúa de mel comigo”. Un depredador.

Unha nota máis arrepiante. No ano 2009, Nicholas Hughes desapareceu da súa casa en Fairbanks, Alaska. Dixera que se un día se suicidaba sería no seu taller. Alí estaba, pendurado dunha trabe.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *