Unha biografía exemplar

biografíaAntón Riveiro Coello. O xene da chuvia (Ediciós do Castro, 2005), supuxo a aparición dun novo escritor rianxeiro, de vocación tardía, pero cunha voz ben interesante. Tratábase de X. Ricardo Losada, un profesor de filosofía, amante da literatura. Ese libro de relatos era unha pequena alfaia con algunha miniatura antolóxica, reveladora dun estilo fresco, anovador, moi necesario na nosa literatura, por veces, solemne de máis. Dende entón, X. Ricardo Losada participa e medra como escritor en publicacións promovidas por Barbantia e, case todas as semanas, agasalla con textos medidos, que xogan co xornalístico, o literario e o filosófico, sempre baixo o prisma dunha fina ironía.

Faustino Rey Romero. Un evanxeo bufo (Xerais, 2015), presentaba a oportunidade de ver como se defendería nas distancias longas un autor tan xenial nas distancias curtas. E lido o libro, teño que dicir que foi unha sorpresa, non porque non sexa un texto de categoría, que o é, senón porque non é o libro que eu imaxinaba para un autor tan irónico e, por veces, transgresor. É verdade que no fraseo curto e directo detéctase o autor, pero tamén hai un novo ton que non agardaba. O libro respira certa transcendencia, coma se a biografía dunha persoa tan contraditoria, histriónica e complexa coma a deste crego poeta precisase doutra medida. xose ricardoNas primeiras páxinas, unha cita de Jules Renard avisa das intencións e define moi ben o resultado do libro: “Non hai que ter un respecto hipócrita polos mortos. Hai que tratar a súa memoria como unha amiga, apreciar todos os recordos que nos veñen deles. Hai que amalos por eles mesmos e por nós, aínda que desgustemos a terceiros”. Non vexo no libro a posibilidade de que alguén se poida desgustar co texto. E, malia que non é un panexírico, cando un remata de o ler non lle queda outra que amar máis a Faustino Rey Romero, con todas as virtudes e defectos. É un libro feito con talento e rigor, fondamente humano, un exquisito exercicio de comprensión, escrito con soltura e amenidade. Ten un aquel de ensaio, si, con vontade de biografía, pero lese coma unha novela. De feito, o propio autor xoga con iso nas primeiras páxinas converténdose, mediante unha técnica novelística, nun personaxe ao que lle fan a encarga de escribir o libro. Con moito oficio e acerto, X. Ricardo Losada abre a biografía usando a periferia para rodear unha interrogante: como morreu o crego de Isorna? Asasinato, accidente ou suicidio?eduardo castro bal E así, nese primeiro capítulo, o lector xa fica intrigado e amarrado á historia, e asiste á orde dunha vida que comeza pola nenez, a mocidade, os anos de formación, as primeiras parroquias logo da ordenación, o conflito co bispo, o desterro en Isorna e o exilio en Bos Aires.

Coido que é maxistral a maneira de ordenar todo o material, inserindo textos e poemas que son unha perfecta prolongación do narrador para afrontar a obra teolóxica, literaria e psicolóxica do autor de Escolanía de merlos. X. Ricardo cose anécdotas, cartas, impresións de amigos e familiares. Entra no máis fondo da alma dese home que admira e intenta comprender, dese crego antifranquista, enxeñoso, amante da cultura e do idioma galegos, autor dunha poesía popular de altura. Esa é a clave, traballar dende dentro, poñerse na pel dunha persoa para detectar as súas contradicións, os seus medos, as súas bondades, os seus defectos.

Teño a impresión de que, logo de ler este libro, Faustino Rey Romero ficou espido para nós, e ese elemento tan importante de comprensión é un dos maiores acertos desta biografía novelada que nos fará volver aos textos dun autor que, agora, grazas ao talento de X. Ricardo Losada, poderemos ler dende dentro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *