Cassandra & Specks

Cassandra-billieGonzalo Trasbach. Aproveitando o material acumulado para o segundo volume da miña “Caligrafía sonora feminina” (“das divas dos oitenta e noventa até as novas aspirantes”), atópome dous nomes que este ano teñen publicado cadanseu disco: Cassandra Wilson e Cold Specks. Coido que, sendo bastante diferentes, os traballos destas donas de ébano merecen un pouco de atención, malia a calor deste verao. No ano no que Billie Holiday (1915-1959) tería cumprido un século de vida, a cantante de jazz Casandra Wilson (Jackson-Mississipi, 1955) homenaxea a Lady Day cun álbum co que lle dá un novo xiro á súa carreira artística. Culminado outra vez coa súa voz afumada, Coming Forth By Day nútrese das ideas der Nick Launay, produtor dos últimos álbums de Nick Cave & The Bad Seeds, para vernizar cunha pátina de contemporaneidade algunhas das mellores cancións da diva.

Para comezar, a voz de Cassandra é coma unha rabuñada na paisaxe do jazz: profunda e de textura escura. A diferenza doutras vocalistas, as súas cordas vocais de contralto non se proxectan por enriba dos oíntes, coma se quixeran botarse a voar, senón que quedan a ras do chan, co cal inciden directamente nas tripas dos que escoitan con atención.casandra 3 Dende que debutou con Point Of View (1986) foi labrando unha traxectoria na que o poderoso timbre da súa voz e a súa dicción algo arrastrada, preto do blues, sempre actuou coma un feito diferencial, como tamén a súa aposta polo crossover entre o jazz e as músicas de raíz, e coma o seu aspecto, unha faciana afiada e desafiante coroada cunha mirada severa e analítica e unha longa cabaleira con rastas douradas que para o seu último traballo despeiteouse co obxecto de subliñar a súa cabeza leonina.

Con este compendio de doce novos temas, non é a primeira vez que a Wilson entra nun estudio para gravar clásicos do jazz, pero si a primeira na que se mergulla de cheo no corpo compositivo de Billie Holiday. Un dos logros de Coming Forth By Day é ter conseguido que as letras da Lady Day nos anos trinta e corenta soen arestora sen o matiz a veces sarcástico e retranqueiro co que a diva maquillaba algunhas das mensaxes para fuxir do escándalo público. Neste sentido, Billie’s Blues, cantada pola Wilson adquire toda a crueza da que é capaz unha letra que deixa entrever o maltrato. Tamén acolle o disco unha iniciática e resentida Don’t Explain e unha esgazada Strange Fruit, un dos temas máis coñecidos e que xa tiña rexistrado en New Moon Daugther (Blue Note, 1995) cunha aproximación distinta, un pelo máis inocente. Os últimos minutos do álbum están dedicados á única composición propia, Last Song (For Lester), onde a sureña se imaxina a canción que a Holiday tería interpretado no funeral de Lester Young, o saxofonista que foi o seu amante e man dereita ao longo de gran parte da súa andaina musical, se a familia de Young no llo tivese prohibido.

cassandra 2A ecléctica carreira de Cassandra retorcese un pouco máis con este Coming Forth By Day, título que fai referencia ao libro clásico exipcio para axudar os mortos a superaren a súa viaxe cara á outra vida. O anterior traballo, Another Country (2012), composto a dúo co guitarrista Fabrizio Sotti, foi autoeditado e bebía sobre todo en fontes latinas e mediterráneas. A súa capacidade de mutación é tamén observable nas distancias curtas. Así, no modo en que integra cancións pop e rock nos seus discos para convertelos en estándares a disposición de outros cantantes. Para o oínte é un reto escoitar cómo un clásico do rhym’n’blues coma I Can’t Stand The Rain, de Ann Peebles, se transmuta nunha obra de blues do Mississipi, ou cómo Blackbird, dos Beatles, se transforma nunha balada sustentada sobre areas movedizas. Nese ir e vir dun a outro territorio sonoro é onde entra en liza un dos puntos distintivos de Cassandra: a relación con silencio e co espazo da voz dentro de toda a complexa amalgama rítmica e harmónica do jazz. Estas gretas no ritmo explotounas especialmente no tributo a Miles Davis: Traveling Miles (1999). Logo de 30 anos de carreira, plantarse cun traballo baseado en clásicos pode ser interpretado coma un xeito de volver conectar con aquel impulso que prendeu a mecha que a levou ao mundo da música. Unha maneira de render culto aos seus devanceiros.

Cold-Specks-video-608x465Moito máis nova e aínda máis descoñecida é Cold Specks. Pero posiblemente é o presente máis ardente e o futuro máis prometedor do chamado soul escuro. Somalí-canadense, pero residente en Londres, Al Spx tomou o seu nome artístico dunha liña de texto do Ulises de James Joyce (Born all in the dark wormy earth, cold specks of fire, evil, lights shining in the darkness). Ela concibe o soul coma algo torturado, escuro e ateigado de cicatrices. Debutou no 2009 e editou o seu primeiro álbum tres anos despois: Predict A Graceful Expulsión. Pero no segundo, Neuroplasticity, pegou un brinco ao baleiro. Neste repertorio de doce cortes está esculpido a arte de ir ao negro e de explorar as zonas máis tenebrosas da música popular, pero onde tamén o rock aviva con alcohol as ascuas do blues e do folk primitivo. cold-specks-neuroplasticityPensen, se queren, en Grinderman ou nos Bad Seeds despachando soul contrafeito, deforme, e acertarán.

Este segundo traballo é, de feito, moito máis áspero, rugoso e arisco que o primeiro. Un intempestivo lategazo de soul cheo de espiñas, góspel oxidado e pop gótico que transforma a Spx nunha sorte de cruce imposible entre PJ Harvey e Macy Gray. Unha garganta profunda e insondábel. Un disco perverso e inquietante. Escoiten os dos álbums e xa me dirán. Se non lles gustan, teñan piedade deste vello medio tapia. E senón, lapiden, please.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *