Coches comunistas

coche1X. Ricardo Losada. Non teño carné de conducir. Moita xente cre que é porque son profesor de filosofía e os profesores de filosofía, unha de dúas, ou somos rariños ou imos de rariños. Non é o meu caso. Nin son nin vou. Por que, logo, non o teño? Síntoo, pero non vou dicilo aquí, nin a muller o sabe, e preguntoumo moitas veces. Cóntovos isto para que comprendades ben o dilema en que me metín o outro día lendo un artigo na prensa: No futuro só circularán automóbiles autónomos. Automóbiles autónomos, por se non o sabedes, chámanlles aos coches sen condutor. O Boston Consulting Group considera que dentro de dez anos circularán polas estradas. Arestora xa poden parar e cambiar de dirección por si mesmos, e no futuro poderán anticipar e evitar choques, reducindo enormemente as mortes nas estradas. Como comprenderedes, para min é unha boísima noticia. Terei o meu propio coche e deixarei de ser un bicho raro. Non só iso. De ser un apestado, convertereime, da noite para a mañá, nun pioneiro do novo status quo automobilístico. Co novo coche, non é que eu teña que meter o rabo entre as pernas e sacar o carné, é que os que o tiñan (si, non caibo en min de gozo), terán que tiralo ao lixo.

coche2     Pero como a felicidade non dura moito, o outro día atopei este titular: Os fabricantes recrutan filósofos para o desenvolvemento do futuro automóbil autónomo. Diredes vós: Boa alegría levaches. Por fin a filosofía vai controlar, como sempre quixo, o desenvolvemento da tecnoloxía de vangarda; se Heidegger levantase a cabeza, que alegría levaría. Heidegger, non sei. Eu, ningunha. Sabedes para que queren os filósofos? Para resolver ese tipo de preguntas das que xa estou farto pois ao final non nos fan nin puto caso: Deben decidir as máquinas quen sobrevive e quen morre nun accidente? Poñamos un exemplo. Un coche sen condutor vai a gran velocidade pola estrada e de súpeto aparecen de fronte dez ciclistas. Só ten dúas opcións: xirar e caer por un precipicio matando o seu propietario ou seguir de fronte e matar os dez ciclistas.

     O filósofo Patrick Lin opina: “Eu non querería que o meu coche robot vendese a miña vida só para salvar outra ou outras dúas. Pero isto non quere dicir que o vehículo deba preservar a nosa vida por riba de todo, sen que importe de cantas vidas estamos falando”. Xa. Pero… Logo? Patrick non resolve nada. Vexamos que din os científicos.frankestein_aerografia_by_javiercr69-d31og3o En 1942, Isaac Asimov, tratando de evitar que no desenvolvemento da robótica aos humanos nos pasase o que lle pasou ao doutor Frankestein co seu monstro homónimo (rebelouse contra el), estableceu as tres leis que debería cumprir a robótica. A primeira di: Un robot non pode causar dano a un ser humano ou, debido á súa inacción, permitir que lle sexa causado. Parece claro que, con esa lei, o coche sen condutor nunca poderá comercializarse xa que todos os expertos coinciden en que sempre haberá accidentes e que nalgún momento ese coche, como no caso antes descrito, terá que incumprir esa lei e facerlle dano a un ser humano. Agora comprenderedes o meu desacougo. Se apoio a Asimov, xa nunca serei un pioneiro. Pero se apoio a Lin a cousa empeora. Cando non tiña coche, podía estar seguro que o condutor ía darlle prioridade á miña vida. Cando o teña, é posible que o condutor, é dicir, o coche, que por riba é meu, decida matarme. Pillades as revolucionarias consecuencias? As propiedades matarán os propietarios. Se ese non é o comezo do fin do capitalismo, será eterno.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *