Ola, Odiseo

odiseo2Antón Riveiro Coello. O bibliotecario tiña sona de ogro e non había quen dese un chío naquela sala enorme ateigada de libros. Era un ser enorme, cunha gordura tan avultada que formaba aneis, charcos de manteiga ao seu redor dándolle unha envoltura paquidérmica. Impuña respecto e na biblioteca o silencio era tan mesto que se podían escoitar as respiracións. Con todo, o desexo gañoulle ao medo e fun quen de apañar A Odisea da biblioteca. Gustábame tanto que sempre a quixen ter. Era unha edición fermosa e a cobiza propietaria arrastrou ao delito a un cagainas coma min. Malia que o furto tivo lugar en decembro, cando vin o rostro do bibliotecario con aquela expresión dura e ameazante, dei en suar coma se o meu corpo acubillase un volcán. Pensei que o meu nerviosismo me delatara, mais o vello funcionario non me dixo nada. Iso si, uns días despois reparou na ausencia do libro e puxo unha nota intimidatoria no taboleiro de novidades: “O ladrón da Odisea dispón dunha semana para a deixar no estante. De non ser así, chamarei a policía”. Aquelas palabras tiñan un único destinatario, certamente, e, cada vez que as lía, dábanlle un abaneo ao meu estómago e abrían a escura posibilidade de ser descuberto e humillado, mesmo levado á comisaría, situación que non me preocupaba tanto como a actitude que ía adoptar o meu pai ao respecto. Non tardei en me arrepentir de roubar o libro e, por medo a un rexistro, enterreino na horta, dentro dunha caixa de zapatos, baixo o carballo centenario que o protexía da chuvia. Alí tería que quedar durante un bo tempo até que todo o mundo, mesmo o bibliotecario, esquecese o asunto.odisea Daquela, exhumaríao e volvería lelo cunha paixón furtiva. Mais, conforme se consumía o prazo decretado dos sete días imposto polo bibliotecario, a culpa medraba dentro de min. O medo elaborou un soño e, na quinta noite, aparecéuseme un home de barba branca e rostro enrugado coma un figo que tiña un aquel co bibliotecario e non facía máis que rir de min con grandes gargalladas. Acordei sobresaltado, mais non lle dei demasiada importancia ao soño até que cheguei á biblioteca e vin o ogro, alí, tras a mesa, sorrindo por vez primeira e bisbándome cunha voz case inaudible un Ola, Odiseo que me deixou tan arrepiado que pasei todo o día paralizado polo medo e a impotencia do condenado. Como sabía que era eu o ladrón entre tantos usuarios? Esa noite baixei á horta e desenterrei o libro para o devolver ao día seguinte. Non fun quen de durmir. Estíveno acariñando e lin algún dos capítulos coma se fose a última vez. A iso das seis da mañá acendéuseme a luz na cabeza e sospeitei que o bibliotecario sabía que era eu o ladrón porque tamén era o usuario que máis veces sacara emprestado o libro da biblioteca. Esa tiña que ser a razón, maldita sexa. Como non pensara niso? A vergonza asolagoume todo e, pola mañá, co libro agachado por baixo do abrigo, entrei na biblioteca e senteime na mesa máis próxima ao ogro.biblioteca Era un xeito de desafío e tamén de disimular. Finxín facer os deberes e agardei a que el saíse un momento para me meter entre os estantes e deixar alí A Odisea. Foron momentos intensos, de moito nerviosismo, co corazón a piques de me saír pola boca. Volvín á mesa pouco antes de que o fixese o bibliotecario e estiven case media hora quieto, sufocado, co corpo enchoupado en suor, intentando disimular o delito. Pouco a pouco, o peso da responsabilidade foi deixando un baleiro dentro de min e xa comezaba a me sentir ben, cando, de súpeto, unha dentada de rabia trabou o meu estómago porque lle escoitei bisbar ao ogro un Ola, Odiseo a un usuario que quería un libro en préstamo.

3 comentarios en “Ola, Odiseo

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *