Iain Sinclair, unha sorpresa en agosto

la ciudadGonzalo Trasbach. Agardei tanto tempo por este libro que cando o merquei entroume temor a que me decepcionase. Así pois, optei por deixalo enriba da mesa mentres ía lendo outros. Dei conta del durante este irregular agosto. E non só me gustou, sorprendeume e mesmo me entusiasmou na súa meirande parte. Deste feito son testemuñas as 97 frases que arrinquei del para pasalas aos meus cadernos de notas. Un dos motivos polos que necesitei tanto tempo para atopalo é que o seu autor, Iain Sinclair (Gales, 1943), do que tiña oído falar, nunca fora traducido ao castelán, segundo confirma Javier Calvo, quen se encargou de traducir, de escribir o prólogo e tamén de reunir os textos que configuran La ciudad de las desapariciones (Alpha Decay, 2015). Falo dun libro que engancha aos que lles gusta a escrita rítmica, vibrante, na que saltan chispas. Pero que á vez resulta útil para os interesados no municipalismo, e no impacto do desenvolvemento urbano sobre as sociedades e as culturas.

Ademais de exercer de cineasta ocasional, periodista, ensaísta e bruxo, Sinclair é un dos mellores escritores vivos en lingua inglesa, un herdeiro directo de William Blake e Charles Dickens, aínda que contaminado co virus da modernidade de William Burroughs e GJ Ballard. O que fai o autor residente en Londres, o seu espazo vital e existencial, ten sido denominado “psicoxeografía”, pero semella que é algo máis parecido a unha topoloxía alxebraica profunda, na que as funcións de tránsito se reducen ao mesmo contorno, ao sitio: hai que pertencer a un territorio para poder falar del, para poder escribir as elexías dos lodos esquecidos.

iain sinclairSinclair fala dun universo que alumea dende unha constelación de temas distintos: a literatura, a cidade, o local, a contracultura, os procesos urbanos contemporáneos ou a política. O conxunto dos textos seleccionados conforman unha obra que é un tratado de iluminación curativa, unha lúgubre antoloxía da ausencia, unha arqueoloxía do humano que escarva na terra para buscar os mitos fundacionais do urbano e invócaos para cartografar o contemporáneo e diagnosticar as súas patoloxías. Pero ademais é unha aptitude combativa fronte á maxia negra do capital: pois ataca os símbolos dun Londres faraónico, estruturas como a autopista M25 ou The Sherd, edificios tan narcisistas que só saben mirar para si mesmos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *