Raiar do sol

ria3Xosé Manuel Lobato. Nestas datas censuradas de agosto polo capricho atmosférico, permanece latente no maxín esa luminosidade que é propia de Galicia. Lucernas no amencer que relocen nas rías, son as bágoas salgadas de tantas personalidades orfas, que moran e iluminan as augas competindo coa estrelada e a luada.

As rías de Galicia son unha solemne e maxistral execución natural, nas súas bágoas salgadas o insignificante e trivial adquire categoría de prodixio sobrenatural, estas rías non teñen límites, son moito máis, son esa parella de toda imaxinación soñadora que percorre con ansiedade a súa lendaria historia, memoria dun amplo séquito que permanece fiel a esta terra e as súas augas nutricias.

Sereas, fadas, princesas, raíñas, maruxainas e maruxiñas, tamén baleas abaladoras e devaladoras, e un sen fin de personalidades dadivosas que atraen de formas diversas a intuitiva atención da creatividade, un universo no que gozan brincando e craneando cun talento sen comportas.

riasUn imaxinario o galego que ten as mesmas comportas e fronteiras que as augas das súas rías, un idílico lugar onde desenvolven todo o seu potencial soñador tanta cohorte mareira.

No entanto, o enxeño queda minimizado pola realidade dunhas augas con luz propia, fundamentalmente en primavera e verán.

Durante este período, navegando de equinoccio a equinoccio, o resplandor das augas que bican as costas de Galicia non se esvaece nin un só intre.

Intensidade dunha ardora que vai intimando cun crepúsculo ardente, para que as sombras da noitebra non logren o seu obxectivo de poallar escuridade.

solpor2O testemuño luminoso é recollido no amencer polos efluvios magnéticos dos lendarios personaxes que moran mergullados preto da costa, o seu afán e devezo constante por comunicarse fai reverberar destas augas vigorosas un caos de luminosidade efervescente.

Agudeza visual e maxín cunha certa dose de xenial, un dúo necesario para penetrar e gozar dun crepúsculo que na terra das brétemas, borraxeiras e sombras, logra permanecer e triunfar amparado nun setestrelo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *