Xeve. A casa dos Ruibal (I)

xeve1Carlos Mosteiro. Xa non vivo en Xeve. En moitos aspectos xa non é o meu lugar no mundo. Vou de cando en vez para asegurarme de que a casa segue en pé. Pero se me preguntan eu digo que son de Xeve. Non podo (nin quero) evitalo. A verdade é que non hai moito que dicir de Xeve; non hai monumentos megalíticos, nin edificios de interese; a súa fauna humana é agora do máis convencional, e por non ter nin temos equipo de fútbol. Dicía Olov Enquist, o autor sueco, que a súa aldea tiña oitenta habitantes e seis escritores. En Xeve non pasa eso, a pesar de que eramos 600 veciños cando eu me fun, pero inda así pasaron cousas. A verdade é que sería unha aldea insulsa e sen mitoloxía se non fora por dous feitos que aconteceron en certa maneira contra prognóstico. O primeiro é que alí naceu Fina Casalderrey, escritora ben coñecida e académica. O segundo ten que ver cos Ruibal Argibay, unha familia na que todos os seus membros foron artistas. Este artículo pretende homenaxear a dous dos seus membros, os máis coñecidos (Mercedes Ruibal, pintora, e Xosé Ruibal, dramaturgo), pero en realidade quere ser un recoñecemento a unha familia especial, de seres excéntricos e valentes, sobre todo tendo en conta os tempos que lles tocou vivir, e que dalgunha maneira puxeron á súa aldea no mapa, por máis que a súa aldea non fixera nada aínda, ata onde eu sei, por recoñecelos e rescatalos do inxustísimo esquecemento no que caeron.

 auroraargibay           Da que foi a casa dos Ruibal hoxe só se ven os muros engulidos polas silveiras, pero daquela era un espazo onde e espírito creativo se tiña que respirar no aire. O pai, Xosé Ruibal Castro, foi secretario do concello de Redondela, depurado polo franquismo. Escribía, editou na súa mocidade unha revista de humor (La luz)  e era moi afeccionado aos autores clásicos. A nai, Aurora Argibay Iglesias, “Yoya”, deuse a coñecer como pintora naif con máis de setenta anos, cando a filla, Mercedes, era xa un nome de referencia na arte galega. Mercedes Ruibal nacera en 1928 na casa familiar e xa dende moi nova se decatou de que a súa maneira de expresarse, de dialogar co mundo, era a pintura. Confésalle á súa sobriña Graciela Baquero, xornalista e escritora (filla da súa irmá Ánxeles, que por certo era pianista e cantante) coa mesma desinhibición e sentido do humor co que viviu: “Empecei a pintar moi cedo. A miña aprendizaxe consistiu en copiar da realidade uvas, mazás, cereixas; pero adoitaba comer a froita e pintar o que me daba a gana”. En 1956 marcha para Arxentina, onde xa está o seu irmán Xosé que a pon en contacto cos círculos intelectuais de Bos Aires, cidade na que atopa o maxisterio de Laxeiro, que é o primeiro en decatarse do potencial de Mercedes: “Unha pintora que pinta cando sente a tormenta en todo o seu territorio. O que debuxa e pinta Mercedes sae do máis profundo do seu ser. Penso que todo creador do mundo ten que ter a ousadía de amosarnos as feras e os anxos que viven dentro de si”. O mundo plástico de Mercedes Ruibal é desacougante porque hai denuncia e mesmo ferocidade testemuñal. Baixo unha aparente inxenuidade atopamos un mundo escuro, goiesco, feito en negros, carmíns, azuis; criaturas anxelicais, caprichosas e con rostros recargados que berran e xesticulan.

 oleosmercedesruibal           Á volta de Bos Aires expón en Vigo e vai vivir en Madrid, onde entra en contacto coa intelectualidade do café Gijón; alí entabla amizade con María Antonia Dans e o médico humanista natural de Pontevedra Xosé Luis Barros. Casa en 1960 co arquitecto e logo pintor Agustín Pérez Bellas e pasa a vivir a cabalo entre Vigo e Madrid. Nos anos 70 atopámola montando estudo no barrio de Trastévere en Roma, cidade á que chega por convite do PCI onde traba amizade co Rafael Alberti e Teresa León. O poeta gaditano retrata a nosa Mercedes como pintora. “Mercedes es una aparición extraña dentro del mundo del arte, con esa concepción personalísima de todo aquello que la rodea y que envuelve en un halo de magia, de protesta, de libertad, de dolor, de desgarro, de inocencia, para proyectarlo en sus criaturas pictóricas de una forma cándida y dolorida a la vez”. E logo retrata a súa personalidade, a súa desinhibición, esa maneira de ser ala mesma, tan libre que intimida: “Sueltan sus ojos centellas de bruja,/trasgos y duendes despiden sus manos./Tiene la audacia del agua que enfila/la desvergüenza desnuda de un cántaro./Si te la encuentras de noche a deshora,/ruega a la Virgen y a todos los santos./Puede llevarte a un infierno de gracia/o a un cielo abierto de flores y pájaros,/… Así era. Destemida. cuento-xeve-angelesruibal-5E tiña claro por quen tiña que tomar partido. Así llo contou a Úrsula Heizne en Mulleres, libro de entrevistas a oito notables mulleres galegas que publicou Xerais en 1989: “Interésame o ser humano que sofre, que está torturado, obrigado a cometer actos contra da súa vontade…”.

En 1993 o concello de Vigo organizou unha exposición antolóxica da súa obra, que se atopa espallada por varios museos galegos, o Museo de arte Moderno de Madrid e nos fondos de Caixanova (Abanca). Morreu o 10 de abril de 2003. As súas cinzas repousan no cemiterio vigués de Pereiró. En Xeve ningunha das dúas asociacións culturais que hai, unha cercana ao PP e outra ao BNG, saben quen é Mercedes Ruibal. É o que hai.

2 comentarios en “Xeve. A casa dos Ruibal (I)

  1. Que estupendo artigo. Moitos amigos dixéronme que unha das boas cousas desta nosa páxina era que daba a coñecer unha boa morea de cousas. O teu texto é un magnífico exemplo. A miña ignorancia é grande, coma unha marea viva de septembro. Por iso me gustou o teu artigo, nel aprendín algo que non sabía. Que magoa que escribas moi de cando en vez. Convídote a que o fagas con máis frecuencia. Apertas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *