Hans e Rudolf

hansXerardo AgraFoxo. O 28 de decembro de 2006 o Daily Telegraph publicou unha breve nota necrolóxica sobre Alexander Howard Harvey, “cariñosamente coñecido como Hans”. Durante o panexírico pronunciado nunha sinagoga londinense, despois de recitarse o kadish, sóubose que Hans, ademais de formar parte dunha familia alemá que se instalara en Inglaterra, por culpa da persecución nazi, integrara o corpo de voluntarios que localizara a Rudolf Höss, o Kommandant do campo de exterminio de Auschwitz. A revelación desta páxina oculta da biografía deste home, un banqueiro “pícaro e bromista”, que nunca se significara por nada salientable, deixou abraiado o seu sobriño-neto Thomas Harding, un recoñecido xornalista inglés, colaborador do Financial Times e The Gardian, que deseguido comezou a investigar sobre este escuro asunto.

Así naceu este apaixonante libro traducido a doce idiomas. Nos capítulos impares cóntase a historia de Höss, dende que nacera no ano 1901 nunha casa illada da Selva Negra ata que o aforcaron o 14 de abril de 1947, baixo sentenza ditada en Núremberg, en Auschwitz, o lugar onde el vivira nun confortable chalé, con xardín e vistas ao crematorio, acompañado pola muller e os seus cinco fillos. rudolfNos capítulos pares, Harding narra con man firme a atribulada vida do seu tío avó, dende que nacera en Berlín no ano 1917, incluíndo as páxinas máis lacerantes da súa existencia e as “trampas” que cometeu –torturas incluídas– para dar co paradoiro do arrepiante asasino, un home moi querido e admirado pola súa familia e un burócrata que nunca lamentou os “excesos” cometidos.

Dúas biografías paralelas trazadas sen maniqueísmos. Unha obra que abraia pola disección que se realiza sobre estes dous personaxes. E tamén un libro extraordinario para coñecer a historia de Alemaña despois da I Guerra Mundial.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *