Con Nick Cave e Karen Dalton

trasbach1Gonzalo Trasbach. Coma noutras cousas da vida, cheguei tarde á cabana asolagada de pobreza e tristura na que naceu, creceu e morreu Karen Dalton. Pero cheguei. Até a súa porta levoume collido do brazo un dorido Nick Cave. Fun ao porto de Brighton buscalo coma remeiro da potente e poderosa traíña chamada The Boatmen Call. Topei o australiano camiñando á noitiña sobre un acantilado rodeado de escuma branca, onde talvez agardaba escoitar unha resposta á urxente e tenra voz que chamaba polo seu fillo dende o máis dentro do seu corazón fendido. Un fillo esnaquizado contra as rochas coma un barco novo cargado de ilusión adolescente.

Durante a travesía Cave informoume que máis ca un canto o da indioamericana era un lamento, algo semellante á oración do animal que todos levamos dentro, ou tamén coma o grito cego da carne. Pero tamén falou dunha queixa tan delicada como a que soltan os acantos cando murchan. Xa no interior da humilde cabana de madeira de freixo, a súa voz quedou gravada a lume na miña pel. E, de súpeto, lembreime de Olga Novo: morderás con paixón toda a carne que comas e desexarás morrer nas mans da fera máis tenra. Dende aquel día, cando abracei o son que saía pola súa gorxa de cristal esmerilado coma a fame coa que se bica diante da morte, nunca deixou de xirar na miña gramola mental, igual que nunca esquecín a luz cegadora que caía sobre os campos de trigo onde me agochaba espido cando era neno.

karen2Logo daquela viaxe, a casualidade fixo que Karen Dalton volvese á miña vida. Descubrín que acababan de editar un disco no que reunía un bo puñado de cancións que ela interpretou, pero neste caso versionadas por voces femininas contemporáneas: Remembering Moun-tains. Unherad Songs By Karen Dalton. O álbum levántase sobre un solar de letras escritas orixinalmente por Karen, o que non deixa de ser unha rareza total dada a aversión da indioamericana ao protago-nismo autoral. Entre as artistas invitadas figuran Josephine Foster, Marissa Nadler, Isobel Campbell e Julia Holter, entre outras máis.

Karen Dalton (1937-1993) viviu e fracasou ou non, depende de como se mire. Pero sen dúbida tivo unha existencia moi atribulada: tres matrimonios antes de cumprir 21 anos, dous fillos, unha errancia destinada, alcohol, heroína e uns cantos discos nos que se pode palpar o peso de tantos tombos. As cancións que nos legou parecen reservadas para ouvidos cansados e almas esgotadas. karen1Todo soa a lamento, pois ela nunca buscou a fama, tropezou unha e outra vez, coma se estivese encariñada coas pedras. Faleceu aos 56 anos, tan esquecida que nin sequera se saben os detalles. Estaba dotada dunha voz descarnada, trémula, sufrinte. Aínda que só deixou dous discos, reeditados e ampliados, recobrou unha certa fama cando foi descuberta e mencionada coma primoxénita filla da escuridade por artistas contemporáneos como Nick Cave, por exemplo. O australiano confesoume que a consideraba a mellor cantante de blues da historia.

Un comentario en “Con Nick Cave e Karen Dalton

Deixa una resposta a pedro Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *