Galicia e os galegos na poesía castelá XXIV. Gonzalo de Berceo

berceoRomán Arén. Hai ben corenta e cinco anos que no meu bacharelato elemental recibía as primeiras leccións de literatura española e o profesor, tras o Poema do Cid, explicaba as diferenzas entre o mester de xograría e o mester de clerecía. Dicíanos que o primeiro poeta coñecido español era Gonzalo de Berceo e que era monxe bieito en San Millán de la Cogolla. Só era unha parte da verdade, pois Berceo era un tradutor en verso dunha fonte latina e non era monxe, senón crego secular vencellado a San Millán e notario do abade. Naceu antes de 1196 e morreu antes de 1264. A súa obra fundamental é Milagros de Nuestra Señora, unha colectánea escrita entre 1246 e 1252 en cuaderna vía, é dicir, versos de catorce sílabas con cesura na última, que procedía do Libro de Aleixandre e, xa que logo, quizais do alexandrino francés. Obra escrita non por “ars gratia artis”, senón para favorecer a San Millán de la Cogolla atraendo peregrinos. A colectánea ten vinte e cinco milagres que é probable que procedan dunha fonte latina con vinte e oito, hoxe en Copenhague. Berceo traduce vinte e catro e engade outro, e traduce como isto se entende na Idade Media: parafraseando, amplificando e variando; iso si, traduce con mestría, axilizando, dando vida a unha fonte algo seca e insípida. Un deses milagres, o oitavo, fai referencia á peregrinación a Compostela e pertence ao grupo que J. M. Roza agrupa como “milagres de perdón”.

Un fraire de su casa,-Guiralt era llamado,/ante que fuesse monge-era non bien senado:/facié a las debeces-follía e peccado,/como omne soltero-que non es apremiado./Vino’l en corazón-do se sedié un día/al apóstol de Espanna-de ir en romería,/aguisó su facienda,-buscó su compannía,/destajaron el término-como fuessen su vía./Sonó por Compostela-esta grand maravilla,/viniéndolo a veer-todos los de la villa.

Sigo a lectura de Michael Gerli (Cátedra, Madrid, 12ª ed., 2003), pero Margarita Méndez Martínez, na unidade didáctica El Camino de Santiago y la literatura medieval (1993) ofrece esta modernización:

Un fraile en su casa-Guiraldo era llamado,/antes que fuese monje-no era muy enseñado,/de vez en vez hacía-locuras y pecado/como hombre soltero-que vive sin cuidado./Vínole al corazón,-tal como estaba, un día,/al apósto de España-irse de romería;/dispuso sus asuntos,-buscó su compañía,/y ajustaron el término-que tomaría su vía./Sonó por Compostela-esta gran maravilla,/lo venía a ver-todos los de la villa…

O milagre adoita titularse “El romero engañado por el enemigo malo”, no que o demo se disfraza de apóstolo e fai que o romeiro perda a vida e case a alma, pero a Virxe logra que non vaia á condenación eterna.

O considerar a Berceo un “tradutor” non é unha tolería miña, pois xa José Luis Alborg afirmaba, na súa Historia de la literatura española, que “vulgariza, no crea” e sinala que o autor non o agocha, pois alude varias veces na obra á súa fonte latina:

Ca era mala letra,-en cerrado latino/entender non lo pudi-por sennor San Martino.

A peregrinación a Compostela está tamén presente no Libro de Buen Amor do Arcipreste de Hita, Juan Ruiz.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *