Ramón Piñeiro e a poesía galega. No seu centenario (I)

A lingoaxe i as língoasPastor Rodríguez. Celébrase este ano o centenario do nacemento de Ramón Piñeiro (1915-1990), figura fundamental, e moi polémica, da cultura e da historia galega da segunda metade do século XX. Non moi prolífico, sen embargo escribiu moito máis, e de máis temas, do que se cre, pois só se leva compilada menos da metade da súa obra, esparexida por revistas, xornais e libros colectivos. Certo que A linguaxe e as linguas (1967), Olladas no futuro (1974), Filosofía da saudade (1984), e O espertar da conciencia galega (2009, ed. de H. Monteagudo) son obras que permiten comprender o esencial do seu pensamento en temas como a lingua galega, a saudade como esencia propia dun sentimento universal, Rosalía como figura central da nosa cultura e outros temas. Pero é necesario reunir o resto da súa obra para completar a radiografía do seu pensamento e a súa evolución.

            Seguiu a andaina da literatura galega con atención e tivo un número de escritores que lle pareceron os máis representativos das nosas letras. En poesía os seus autores claves foron Rosalía, Pimentel e Novoneyra, mais tamén xulgou a obra de Cabanillas, Seoane, Díaz Castro e Guerra Da Cal. Salvador García-Bodaño e Franco Grande foron poetas moi próximos a Piñeiro nas súas poéticas.

            Rosalía é para Piñeiro un símbolo de Galicia pola súa identificación consciente con Galicia, pola universalidade que dá á lingua galega e por expresar a dor de vivir, a manifestación extrema do sentimento galego, pois é a dor, o dorido sentir, o máis característico da súa poesía e a saudade, a soidade ontolóxica, a manifestación da súa vivencia.

Foto: Manolo Blanco
Foto: Manolo Blanco

          A Luís Pimentel dedicou unha ducia de traballos entre 1949 e 1990, e é, xunto con Rosalía, o poeta ao que se sentiu máis próximo. Representaba o autor de Sombra do aire na herba o lirismo puro, a mellor manifestación da espiritualidade (en sentido amplo, xa que Piñeiro era agnóstico), con amor á terra proxectado ao universal; pura emoción transfigurada en versos espidos, cos mínimos formalismos. Un poeta de raíz rosaliana.

            O Cabanillas de Piñeiro non é o esteticista de Na noite estrelecida, senón o poeta social, o que reflicte as mágoas e aspiracións do pobo galego. De Uxío Novoneyra son Os Eidos, a obra que lle interesou, pola identificación coa terra nun poeta que vai do ego individual ao telúrico e ao descubrimento da propia intimidade, á saudade do home só fronte ao cósmico, escoitándoo, pois é a súa unha poesía auditiva, non visual. Poesía filla da Terra, pura, ahistórica, que amosa o sucedor cósmico: así o Courel pasa da xeoloxía á historia cultural.

            En Ernesto Guerra Da Cal sinalou o seu virtuosismo artístico, a densidade lírica, a saudade metafísica e o existencialismo no que só amor e morte, soño e tempo, son esenciais. Tamén a autenticidade poética de Díaz Castro lle interesou, polo seu afincamento íntimo en Galicia e na propia interioridade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *