Errare humanum est

KONICA MINOLTA DIGITAL CAMERAAntón Riveiro Coello. Cando comezo unha novela sempre fago o firme propósito de transitar por terreos coñecidos e evitar lugares ou épocas que me esixen estudar máis do debido e nos que é doado incorrer en anacronismos e outros tipos de erro. Mais non escarmento e gusto do reto de abranguer grandes períodos polos que ando como por un campo minado. É certo que polo camiño sempre aprendo algo e mesmo acabo sabendo cousas novas e adquiro unha especialización en temas que non lle interesan a ninguén. Pero o medo a meter a zoca sempre existe. Máis dunha vez teño caído. É algo consubstancial a min o de me complicar a vida. Co doado que é falar da época que me tocou vivir, adoito ir a tempos pasados que precisan, a maiores, un esforzo de documentación. Se non tes un debida información, podes cometer erros de vulto tales como que os pobos castrexos comían patacas ou que na época de Prisciliano Galicia estaba sementada de millo, como deixou escrito Sánchez Drago na súa obra Gargoris e Habidis, mais coñecida entre os universitarios como Sergio y Estíbaliz. Non me cabe dúbida de que estes anacronismos teñen unha importancia moi distinta se falamos da novela histórica ou da obra científica, porque ao escritor de novela poderáselle perdoar este erro sempre que a ambición estética estea por riba dos feitos concretos (a quen lle importa que Tolstoi cometese imprecisións históricas en Guerra e paz?). Pero para o historiador que cae nestas deficiencias verase esmagado polo rigor, que non lle permitirá estes deslices.

anacronismo-2Ponme acougo pensar que o mesmo Shakespeare caese en erros soados no propio Hamlet, onde, por boca do príncipe, adianta case seis séculos a creación dunha Universidade, ou cando fala da existencia do canón no século X, ignorando que as armas de fogo foron inventadas no século XIV, ou cando, en Xulio César, para producir un efecto dramático, introduce as campás dun reloxo, cometendo así un dobre anacronismo.

Hai pouco souben que en Barcelona hai un concurso para atopar anacronismos literarios. A última gañadora foi a mesmísima Doris Lessing co seu libro Un paseo pola sombra, no que conta unha viaxe pola España dos anos cincuenta. Seica a escritora tivo un accidente na praia de Valencia e ficou abraiada porque os médicos, segundo ela, aínda falaban latín entre eles.

Grazas aos meus “atentos” lectores eu tamén apando cos meus erros. Así, na primeira edición de Laura no deserto, alguén tiña un tumor cerebral na cabeza (coma se se puidese ter nun pé), n’A quinta de Saler había unha bandada de cotovías (sempre voan soas), n’As rulas de Bakunin puxen o encoro de Cecebre uns meses antes de que fose feito, proxectei a sombra “imposible” dun autobús á hora na que o sol estaba por tras do monte Xalo e n’A esfinxe de amaranto a protagonista entra nunha casa vella e ve o reloxo de parede detido nas dez da noite. En fin, errare humanum est.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *