Palla mental ou pensamento profundo?

Human cloningX. Ricardo Losada. Teño contado que, cando paseo pola praia ou polo monte, preocupado, evádome cun xogo que é habitual nos adultos que conservamos moi vivo o neno que fomos. Imaxino situacións futuras aínda non vividas polo ser humano, e intento saber como reaccionaría. O outro día, sen ir máis lonxe, pensei na clonación. Pero non para saber se estaría a favor ou en contra, senón para saber se estaría disposto a clonarme ou, cando menos, se habería algunha circunstancia persoal na que o faría. Que quede claro. Non pensaba na clonación de tecidos nin na reproxenética por problemas de fertilidade. Pensaba no máis habitual. Ter unha réplica de ti mesmo.

     Non sei por que, pero comecei preguntándome a que idade me clonaría, é dicir, cantos anos me gustaría levarlle ao meu clon. Tíveno claro: a idade que tiña nese momento, cincuenta. Así, se vivise ata os oitenta, a media neste país, pasaría os últimos trinta anos da miña vida vendo no aspecto físico do meu clon os trinta primeiros anos desa mesma vida. clonacion2No espello do baño veríame descender da madurez á vellez. No espello do clon, ascender da nenez á madurez. Alfa e omega, principio e fin, simultaneamente. Aí tes unha boa razón para clonarte, pensei, afastarte da madurez vendo como te acercas a ela. Xa sei que só sería desde o punto de vista físico (psicoloxicamente o clon é outra persoa), pero, aínda así, a un fan da ciencia ficción coma min só lle podía parecer un espectáculo marabilloso. Pasado, presente e futuro serían tempos relativos e, para máis, todo dependería do punto de vista. O exposto ata agora sería o meu, pero o clon tamén vería un espectáculo marabilloso: como se ía acercando á madurez mentres o seu futuro físico ía cara a vellez.

     Entón recordei que ese mesmo día, 25 de novembro, celebrábase o centenario da Teoría Xeral da Relatividade na que Einstein demostra que o tempo é relativo: depende do sistema de referencia. Uf, suspirei, a cousa complícase. O meu clon podía considerarse o mesmo sistema de referencia ca min (fisicamente), pero tamén un sistema de referencia distinto (psicoloxicamente). Logo… Era o mesmo ou era distinto, como esixía a lóxica do sentido común? Ou quizais era mellor non suscitar o dilema como unha disxunción (igual ou distinto) senón como unha conxunción (igual e distinto), tal e como recomendaba a lóxica inhumana da mecánica cuántica? Clonación-adultos-cada-vez-más-cercaÉ dicir: o meu clon sería o mesmo sistema de referencia ca min (nun selfie, por exemplo) ao mesmo tempo que sería un sistema de referencia distinto (no diván do psiquiatra, poño por caso). Para intentar resolver o enigma, decidín escribir este artigo. Palla mental ou pensamento profundo? Aínda non o sei, pero debo recoñecer que tampouco me importa. Se é un pensamento profundo, gañarei a vosa admiración. Se é unha palla mental, a miña. Cando paseo polo monte ou pola praia, preocupado, e tan lonxe da casa, prefiro as pallas mentais ás pallas físicas. Teñen a mesma vantaxe que as risas sobre as bágoas, e que os pensamentos lixeiros sobre os profundos. Non manchan.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *