Soledad Penalta, a escultura sen límites

penaltaEme Cartea. Nos/as artistas hai vocacións temperás e vocacións serodias. Soledad Penalta é das madrugadoras, desas que nacen con mans de pincel ou cicel e un soño insondable na ollada. Logo, xoga co tempo e o espazo en fórmulas de maxistral expresión porque sabe que o que permanece é a fraxilidade da arte. 

Falarmos de Soledad é falarmos da historia dunha infinita paixón pola escultura, que se prolonga xeneticamente dende os santeiros de Chave e se fai carne estética nos diarios afáns do taller, ao que cada mañá as musas acoden con luvas, mandil e habelencia.

Iniciada na exquisitez espontánea e textural que a cerámica lle ofrece, ensaia despois coa ductilidade do ferro, o bronce e os aceiros, pero sempre dende unha sólida formación filosófica e científica, o que lle permite xogar coa bondade dos materiais, e xerar un arsenal maleable e discursivo sempre en inconstante equilibrio.

Humildade formal

Un informalismo lírico que abstrae dos primitivismos máis afastados (chinés, exipcio, grego, africano…), así como esa humildade formal e cultural que ela interpreta dende o seu xenius loci noiés, ou celtismo atlántico, nunha conxunción de estilos táctiles e visuais que renovan o sentido apropiativo, ecléctico e nómade do seu posmodernismo vital e artístico.

penalta2Para Soledad Penalta, muller de compromisos e acción, a beleza é revolucionaria, como o é a poesía e a verdade. En plena madurez creadora, a súa obra é unha preamar de matices tinxida de citas, luces e cor, que talla e modela priorizando os procesos, meticulosa e mesmo instintivamente.

Porque para ela, a obra perfecta é unha obra inacabada, refén dunha rica polivalencia, dificilmente comprendida, e que precisa a presenza dun cómplice e sabido lector que a complete e lle outorgue un sentido, entre os innumerables que agocha.

Soledad, como Chillida, non representa, pregunta; dispara ao ar contra a pasividade e as inercias herdadas, sen fe nas parábolas, pois estas dependen na súa extensión, non tanto do autor, coma do espesor da ollada e da profundidade da ferida emocional que suscite.

Peza multifocal

Nesta peza multifocal de pequeno tamaño, en aceiro, tecnicamente cortada e gravada con plasma, anóanse dous códigos asemade: a escultura e a inscultura, a talla e a palabra, a modo de moderna colaxe complementaria ou explicativa. Máis que narrativa, unha escena simbólica que nos falaría de esforzo, empatía e viaxe.

As siluetas antropomorfas, contorsionadas, con rostros cubistas e alzados, esfórzanse por abordar unha balsa escorada e ganaren o mar… ou a terra. Unha alegoría moderna d’A balsa da medusa como caos, desorde e heroicidade. Inicio ou final de aventura contra vento e marea? O barco da vida e da morte. Unhas velas en espiral, alfa e omega, evolución e transformación: Petróglifos cargados de historia e mensaxe cara a un incerto horizonte.

Pero admítense apostas, porque, como nos di Paul Valéry, «un poema non se termina; só se abandona».

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *