Fertilidade e harmonía

vidalFrancisco Ant. Vidal Blanco. Tócanos estes días andar por terras onde o Entroido aínda se mantén en perfecto estado de saúde (o Carnaval, para nós, é outra cousa). Porque ó Entroido pódese ir para ver o espectáculo ou para sentir o ritual. Porque o Entroido non se disfraza como no Carnaval, senón que se inviste, e non sae para burlar ou criticar senón para anunciar a vida.

Procuramos acercarnos a lugares a onde aínda non chegaron as adulteracións comerciais nin quedou relegado a simple desfile de comparsas que, ano a ano, aínda mantendo os traxes tradicionais, van perdendo a autenticidade de todo aquel ritual de saúdo á primavera, como traen os Volantes ribeiraos, que han de pisar os sementados senón non nace o froito, ou o Oso de Salcedo, que esperta nestes días untando á veciñanza coa súa cinza mesturada con auga, coma quen estende o abono na horta, ou a Morena de Laza, que ó lusco fusco corre polas rúas da vila rodeada de todos os veciños, empuxándoa con palabras afagadoras, prometéndolle a compaña dun touro que a faga fértil e polo tanto feliz, mentres ela, no camiño, vai arremetendo contra as mulleres que se lle cruzan, ata que chega ó centro da vila e o mundo estoupa en berros de ledicia e todo queda sumido nunha mesta nube, mestura de fariña e formigas bravas, de branco e negro, de fartura e dor, de vida á fin.

Andamos por estes recunchos do mundo onde aqueles ritos que herdamos de tempo inmemorial, seguen amosándonos que o mundo é unha constante procura da fertilidade, e que a fertilidade é a fartura que nos ampara, e que a fartura é a felicidade do mundo. Os tres efes do ben facer. 

Como en todas as cousas da vida tamén no Entroido cada quen ten os seus preferidos, e diso non imos discutir, pero hoxe quixémonos fixar nos Folións, esoutra figura que moitas veces pasa desapercibida, porque alguén a converteu nunha especie de charanga que acompaña ás Mazcaras de Manzaneda, ós Boteiros de Vilariño de Conso ou ós de Viana do Bolo, todos eles investidos de primavera.

Noutrora, os bombos dos Folións só podían ser tocados por homes, e contra eles opoñíanse as mulleres golpeando sobre o ferro de legóns, gadañas ou galletas, todos estes instrumentos con formas puntiagudas que facían pensar no masculino. E nese golpeo, batendo cada quen ó seu xeito, sen orde, o ritmo vai medrando pouco a pouco, ata acadar a concordia, ata que todos tocan ó mesmo compás durante horas, en perfecta harmonía o son grave e o agudo de cada instrumento, durante quilómetros de percorrido polas aldeas destes lugares, invitando á veciñanza a entender que só coordinados e sen grandes argalladas nin artimañas, seguindo un mesmo patrón se acada unha especie de estado de gracia, unha catarse que nos invita a participar deste acontecemento que durante o tempo que dura nos libera de toda preocupación.

Esta é a chamada máis xenuína que coñecemos sobre a entrada en razón, a comuñón da comunidade, a unión e a chegada a un acordo, aínda que, claro está, haberá quen diga que se chega a tocar ó ritmo que impón o máis forte, o máis audible ou o máis testán. E poucos recoñecerán que o ritmo impono quen máis tempo empregou en perfeccionar o seu estilo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *