Parecían paxaros kamikazes

árbolesX. Ricardo Losada. Teño certa predilección polas historias reais que mesturan o natural e o artificial, e o outro día contáronme unha moi boa. En Tarragona, aves de todo tipo partían o pescozo a cotío ao chocar contra a cristaleira dun edifico de deseño moderno que reflectía con total nitidez as pólas das árbores que o rodeaban e ás que, con confianza instintiva, ían pousarse. Alentado polos defensores dos animais e o fiscal de Medio Ambiente, o alcalde resolveu o problema poñendo nos cristais de cada vivenda un adhesivo, coa silueta de aves rapaces, invisible ao ollo humano, pero non ao dos paxaros.

     O final feliz da historia non impediu que pensase que a intervención da fiscalía e dos ecoloxistas foi pouco acertada. Cometeron o mesmo erro que os estados de benestar concedéndolles subsidios aos parados. Habituándose á boa vida, vólvense patoloxicamente vagos. Xa hai estudos de universidades norteamericanas que alertan da inminente desaparición, polo virus das peonadas, da subespecie humana andaluza se, ante a gravidade extrema da situación, non se toman medidas próximas ao escravismo. O mesmo pasa cos paxaros kamikazes. Resolvéndolles o problema desde fóra impedímoslles que evolucionen a especies novas, capaces de diferenciar unha realidade do seu reflexo. E co que está aumentando a intervención humana nos espazos naturais, se as aves non aprenden a diferenciar o artificial do natural por si mesmas, quédalles menos vida que a eses paxaros andaluces dos que fala o estudo neoliberal.

     Pensemos un momento nese paxaro máis listo que os demais que hai en todos os grupos sociais, humanos ou animais, e ao que algunha mutación xenética dotou da capacidade perceptiva de diferenciar entre o reflexo da póla e o orixinal. É fácil imaxinalo feliz na póla dunha árbore real de Tarragona vendo como os colegas se esnafraban contra a póla dunha árbore reflectida. Ata ese día chamábanlle friki por non querer ir a esas novas árbores, e agora que podía vingarse e ser fundador dunha especie nova con habilidade para diferenciar o orgánico do sintético, van o fiscal e os ecoloxistas e impídenllo. virgenPor moi boa intención que tivesen, non hai dereito. E para os que pensedes que son antropocentrista, e que non diría o mesmo se en vez de paxariños fosen humanos, contareivos o que me pasou no museo do Prado. No cadro La virgen con el Niño y San Juanito vin pousada unha mosca e, por un atavismo tan forte como o das aves tarraconenses, intentei espantala cunha boa labazada. Sorpresa. A mosca parecía real de tan ben pintada, pero non o era. O primeiro que pensei foi en avisar as autoridades do museo para que puxesen un adhesivo alertando do hiperrealismo do insecto, pero axiña o descartei. Preferín divertirme comprobando se os demais visitantes do Prado eran tan parvos coma min.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *