Cuestións vitais secretas, de Iván G. Campos

CuestionsvitaissecretasAntonio Piñeiro. Hai unha realidade posterior, un reverso da realidade, común a todas as vidas que se narran neste Cuestións vitais secretas, de Iván G. Campos. Unha realidade envolvida, sobre todo, no cotián. Ás veces mesmo unha pararrealidade explícita -“…fiteina coma se non a ollase a ela, senón o máis alá…” (Pax. 51)-, que nos é presentada coma unha brétema da rutina. Ese sería un primeiro elemento de cohesión, o que fai do libro un tema; outro sería quizais o concepto de “eiva”, entre esas polivalentes comiñas, unha eiva vital, de cada personaxe. O home é un ser incompleto -dicía Nietzsche-, un estado inacabado da animalidade. Fragmentación, esquecemento, soidade, illamento, morte, carencia, descoñecemento, ausencia, oclusión ou baleiro son tamén as amputacións que o Ser vai pingando no decurso dunhas intensísimas páxinas nas que, non por casualidade, o concepto máis repetido é o do silencio.

Cuestións vitais secretas é, xa que logo, un libro de alto contido, un poliédrico e intelixente retrato do Ser na “sociedade maquinaria”, “sociedade fríxida”, “sociedade illante” onde, a partir de situacións cotiás, vai Iván G. Campos ao campo aberto da cisma filosófica, por exemplo nesa mesma e constante chamada aos silencios, xerando unha sorte de eido peláxico entre o cotián e a introspección: a dos personaxes ou da dos lectores.

ivan_garcia_camposNo concepto do “defectuoso”, poñamos por caso, do PARAFUSOS,  trátase o xeito en que certas cousas nos pasan desapercibidas, xunto cuns traballadores dunha cadea de montaxe que repiten os seus movementos rutineiramente sen se decataren de que esoutra realidade, neste caso a do “defecto” equipara a persoa co que menos imaxina, e medita sobre o papel de cadaquén dentro dunha sociedade que o condiciona todo, mesmo unha cousa tan cernal coma a que descubriremos no desenlace do relato.

O FÓREMAN, pola súa banda, malia que poidamos equivocamente crer que é o máis lixeiro dos dez, dá unha idea das que máis forza impregnan a todo o conxunto, cunha notoria carga de simbolismo, na vida dun can, cuxa resistencia ao inevitable preséntasenos coma innata, consubstancial ao Ser, e a través da, pese a todo, voluntariedade de mover o rabo para amosar a ledicia que é o auténtico fundamento da súa condición.

Outro ingrediente común é a peculiar presenza do tempo. O tempo que pode ser mesmo o organismo vivo dun reloxo. O tempo figurado na teimosía de dar corda á vida. O tempo coma un membro da casa, da familia (no INVERSAMENTE PROPORCIONAL). O tempo coma pauta. O tempo coma carreira. O tempo coma couto. O tempo coma medida das emocións. O tempo coma concepto, ou o tempo coma berce, n`O RASTRO, onde co pretexto dun enterro, retrocede ás imaxes da nenez e o retrato pasa a ser o autorretrato do propio lector, dun lector improntado polas imaxes que lle dan verdade á fermosa máxima que Iván G. Campos nos regala: “…E se a ledicia só se percibise retrospectivamente?, pensei. Podía ser que non me decatase, dixen para min; pero quizabes eu fun feliz…” (Pax.161).

Atrevereime un pouco, nesta ocasión, a dicir que quizais o que persoalmente máis me gustou foi o ESTADOS DE SAÚDE, onde un home, aqueixado duns vultos que denotan unha afección seria, evoluciona por distintos escenarios nos que se mesturan situacións existenciais, circunstanciais e mentais coma nunha perda de si mesmo, que no relato queda simbolizada pola perda das chaves da casa, á que só poderá acceder ao remate, onde se nos desvela a razón desa mesma perda. Esta idea de consciencia difusa e ambigüidade é precisamente a que conforma o libro coma un conxunto coherente: as atmosferas ambiguas, desacougantes, onirizadas, flutuantes, ás veces estrañas, outras veces delirantes, coma dándonos unha tensión pola atmosfera, polo ambiental, sempre coa inconsistencia que entenderemos non so coma parte necesaria do clímax do relato, senón tamén coma a verdadeira substancia das cuestións vitais secretas que poboan a vida de cadaquén, como o propio autor quixo aseverar directamente neste mesmo relato, “…é a súa cuestión vital secreta, dixo: Todos temos unha, dixo: Algo que eludimos…” (Pax. 91).

Ivan_Garcia_Campos (1)Con ese algo de ton fabulístico, ou mesmo parabólico, ofrécenos Iván G. Campos a sensación de que os protagonistas están a esperar algo; de que esa espera é a súa condición esencial, mentres se arrodean dese ar anímico que é a atmosfera de rutinas, acontecementos e obxectos cotiáns, nun anonimato  que, máis que desubicalos, sitúaos na referencia dunha casa común, común a eles e ao lector.

Cuestións vitais secretas é un libro certamente rico. Ofrece moito. Tamén unha voz diferente, unha voz da que, entre outros, escollerei estes tres exemplos: o emprego de diálogos suspensivos, que insiren toques de reforzo desa idea da realidade posterior, do transcorrer oculto dunha parte fundamental do que se conta. “…Demorouse un bocado en responder. Si, respondeu: Chamou outra vez. E cando tiñas pensado contarmo? É que on hai nada que contar. Que che contou? Nada, dixo: Que vai contar? Non sei, dixen eu. Imaxínate, dixo ela…” (Pax. 63) mesmo ás veces raiando, sen selo en absoluto, no diálogo envurullado; o recurso de deixar frases inacabadas, ao xeito dun nonfinito da expresividade literaria, coma en “Eu dixen: Só agardo que. Empregarei…” (Pax. 56), ou coma en “…cuscubiñando: Non che parece raro que despois de. Reparei…” (Pax. 63); ou as intertextualidades e chiscadelas a momentos imprescindibles da arte, coma no caso da metáfora do plástico no azar ou no caos, da película American Beauty (propiamente nomeada hai pouco neste blogue por Gonzalo Trasbach): “… tras a fiestra voou unha bolsa de plástico entre as follas…” (Pax. 156); ou da xuntanza (n`O RASTRO) dos tres irmáns con ocasión da morte do pai, coma en Tre fratelli, de Francesco Rosi, que vin aquela vez, en 1982 ou 83, no fantástico Cine Club que tiñamos en Ribeira.

Así pois, Cuestións vitais secretas é, ademais dunha gran historia despregada neses dez escenarios, unha proposta de estilo, unha proposta de orixinalidade, unha proposta de linguaxe e unha proposta de frescura lectora coma moi poucas se dan.

Aconséllolles afervoadamente este libro. Coido que percibirán dende as primeiras páxinas a sensación de algo bo. Verán que é outra cousa, outro universo literario. Ás veces, uns poucos, escollidos libros, teñen a forza de nos convidar a lelos máis veces. Por puro merecemento, eu estou agora mesmo a comezar a lectura deste por segunda vez.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *