Mecky Maceiras. Autorretrato

mecky
A obra de Mecky Maceiras forma parte da exposición Nós-Outras

Antonio Piñeiro. Hai ideas, imaxes, que xa están aí. Outra cousa é pasar por diante delas e decatarse. Aínda diría eu máis, levándolle un pouco a contraria ao circunloquio cartesiano: quizais todas as ideas sexan iso, e que o pensalas sexa só outra forma do seu fluír, unha linguaxe abstracta e aberta á concepción doutras linguaxes. O mapa dunhas pencas, por exemplo. Fernando Zobel explicou nunha ocasión como dera co seu peculiar estilo, nun día de chuvia que o colleu indo coa carpeta de bosquexos baixo o brazo e a auga, ao coarse entre as follas, diluíu as formas que el «pensara», pero que rematou por definir a chuvia. Un efecto caótico da orde natural, do caos, que tamén está aí. A impresión, ao ver por primeira vez esta obra de Mecky Maceiras, foi algo parecido. Unha mestura de caos ordenado, de idea esóxena, de anticartesianismo fotográfico cun indubidable magnetismo.

Mecky preséntanos un autorretrato. Oito marcas pigmentarias que semellan oito astros ou galaxias na materia ocre dunha pel cosmolóxica. Un sector do universo identificable do seu corpo, tralo que albiscamos a bulsa opaca doutro universo (o dun cuarto, o dun fondo neutro, o da cámara escura da máquina). Iso son -di Mecky-. Iso somos. Universo dentro do universo. Unha magnífica forma de dicir «autorretrato», de nos definir artisticamente coma unha parte do espaciotempo, coa linguaxe limpa dunha estética esencialista, onde o fluír é o que importa.

Emisións de fondo

Mecky escoita as emisións de fondo dunha imaxe que podemos entender, que podemos ler ben, porque nos é familiar (a imaxe dunha gorxa, do arranque duns ombros, da súa sensualidade minimalista e explícita, cunha escuridade cara atrás, todo sobre esas marcas mínimas de melanina identitaria), pero tamén ambigua, porque ten esa presenza distinta (caótica) das pencas coas que nos ofrece a súa metáfora.

Nesta mesma semana puidemos ler, nas palabras de Manuel Vicent, falando de Francisco Leiro, unha frase que me parece que o explica: o escultor ten o oído afeito a percibir a voz que emerxe dun tronco. Quizais parte dese dual significado, desa magnífica ambigüidade, se deba ao certo desenfoque, coma dunha veladura dixital, non que oculte, senón que queira darnos esoutra clase de materia, a do devir, nunha mestura de penumbra e plano detalle que vén parecer como a fotografía dunha dimensión descoñecida.

Coido que Mecky, coa súa anatomía silenciosa e explorable, cruzou baixo o lintel dun vastísimo campo de descubertas. Se se me permite, diría que aí hai tema para longo; un tema que, ademais, contén os ingredientes dunha linguaxe poderosa. Esencialísima, enigmática, sutilísima, poética e fermosa, na arte de Mecky Maceiras, cando a estaba ollando, pensei coma nun fito que, outra volta, temos que celebrar que se produza no Barbanza.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *