Cabalos e lobos, de Fran P. Lorenzo

cabalos_e_lobos-1Antonio Piñeiro. Que agradable sensación a da lectura deste Cabalos e lobos. Que bocalada de ar literario. Das poucas veces que ten un a completa sensación de se atopar diante dunha gran historia, dun descubrimento, dun libro vivo, dunha novela logradísima, cadrada, pechada, emocionante e esteticamente brillante.  Vigo, noite calorosa do verán de 1960. Os residentes do Hotel Lisboa, espertan sobresaltados por un balbordo na rúa. É un suceso grave. A protagonista, narradora en primeira persoa, evoca quince anos despois ese acontecemento coma arranque da visión dunha historia familiar que se remonta aos tempos da Alemaña nazi e que, contra o capítulo VII, vai decantando un certo cariz de saga. Nesas, entra en escena un piano familiar, no medio do clima de folga e represión do 72 vigués, e por el decátase Paula de que nunca, ata os seus quince anos, se parara a coñecer verdadeiramente o carácter nin da nai nin da familia, episodio co que Fran P. Lorenzo nos leva a todos cantos acontecementos dos anos tráxicos de Europa conflúen nel. Había que escoller, e estabamos en guerra. Europa enteira estaba en guerra. Ou eras cabalo ou eras lobo … Ela escolleu ser lobo. Loba. Iso, visto agora, foi bo para todos nós. (Pax. 85). O autor dá a idea así de nítida, xogando un pouco con aquel nome que designaba as tácticas de guerra submarina nazi, Manadas de lobos, para ir achegándonos á horrible cuña da verdade: a depredación do débil, do desvalido, do acurralado (o cabalo do cadro simbólico que aparece ao final), nun intre no que se era unha cousa ou a outra e no que, para medrar, había que deixar a un lado os escrúpulos. Así nolo desvela esa alfaia que Fran agocha nun estoxo artesanal feito por un encadernador cun libro de aventuras do oeste de Karl May, (elegantísimo símbolo, á súa vez, do evadirse mental, a través da lectura das grandes pradeiras, na Alemaña hitleriana). Parte desa verdade familiar non a vai coñecer Paula aínda ata moito tempo despois, a través da carta que Álvaro lle deixa a Thomas, coma se houbese unha dilación do saber equivalente á magnitude do descoñecemento e da crueza da verdade coa que remata a historia.

Cabalos-e-LobosA novela está estruturada basicamente en tres corpos: Gran vía nº 2, que é o relato de Paula; Descampado, que é a carta na que Álvaro desvela os segredos que acabarán por trastocar todos os seus plantexamentos; e Alba de gloria, no que é a nai de Paula (Gloria Beckmann) a que nos leva ao verdadeiro desenlace da novela, xusto antes da homenaxe a Vigo, cidade que ilumina todas as páxinas. Estes tres corpos son tres intervencións moi ben empregadas para complementar o todo que o autor define coma retrato íntimo do século.

A maneira na que vai deixando o relato zarrapicado de elementos da paisaxe cronolóxica (unha localización, unha peza de moda, un nome xa perdido, o tranvía, o sifón, uns títulos de época, un costume, o ritual dos domingos) é a sensación que primeiro chega. Sitúaos estratexicamente para que o corpo da novela, sen que se converta nun gran aparello descritivo, adquira ese ton ambiental subsidiario da intriga, que é o que realmente se quere dar. Eses elementos, xunto cos propios retratos de situación, están traballados de tal xeito que quedan coma lambetadas literarias que piden ser lidas e non deixan apartar a atención do texto. Coido tamén que son e han seguir sendo parte das marcas inherentes do estilo de Fran P. Lorenzo.

Mais, xunto a ese, Fran P. Lorenzo ensaia un número tal de recursos que deixa ás claras que nos atopamos diante dunha literatura de expansión, ambiciosa, de vontade estética e transcendente. Un dos que me pareceron destacables é o da técnica da implicación: o traballo de ir enleando os sentidos do lector para situalo por eles, e que en Cabalos e lobos é case dunha capacidade hipnótica, dando a impresión total de estarmos dentro. Outro son as poderosísimas imaxes expresivas -“…A esperanza fosilizada nunha fotografía, velaí o abismo…” (Pax. 18), “…A luz entra pola mesma ventá pola que saíu Ramón…” (a ventá do acontecemento) (Pax. 21), “…a madeira preñada polo algodón da súa ausencia…” (Pax. 28), “…as carnosas floracións do papel da parede do meu cuarto empezaban a licuar a suor de Ramón e un néctar denso e seminal enmestecía o aire.” (Pax. 146)- e mais as oportunas intertextualidades ou referencias bibliográficas, nas que se apoia para facer asequibles certos aspectos, coma o concepto da desolación. Outro é a capacidade de simbiose en pasaxes de descrición-acción, que utiliza para non deter o ritmo, sen dúbida un dos obxectivos mellor acadados do libro, pero que, coma un rebote con efecto, engade unha sorte de matices vivibles, non só observables, da imaxe estática. Un bo exemplo é o da descrición da fotografía Polaroid, na páxina 19, onde xa o declara abertamente coa frase “…Quenquera que tirou esta imaxe logrou capturar o intre dunha ficción suprema…”.

Foto: Faro de Vigo
Foto: Faro de Vigo

E outro sería o rigoroso traballo de documentación, que non só queda ben patente coas citas, senón que, ademais de ligar e dar veracidade ao texto, nos vai ofrecendo un tour da fisionomía viguesa do tempo polo que transitan as páxinas.

Co estudado manexo deses e outros recursos acada un equilibrio do discurso entre dotado e fermoso, ademais de fluído, limpo e exacto, do que rematarei poñendo outros dous potentes exemplos, o dos zapatos petróglifos, as súas pegadas na madeira do chan -“…Cada fenda que ela inscribe no chan cos seus zapatos,… representa un documento de posesión, un límite, o mapa do seu territorio: Gran Vía nº 2…” (Pax. 17)-, e “…unha máquina de escribir cuberta de cinza…” (Pax. 78). Esta, a da fluidez coa beleza, é unha combinación non demasiado profusa, que nos volve dicir o que comentabamos antes: que estamos perante unha literatura de forte vontade pescudadora e proxectiva.

Novela afortunadísima, lectura tan gorentosa coma literariamente notable, desta Cabalos e lobos, de Fran P. Lorenzo, é dunha das que, rematada a lectura, ando a facer máis enfática e numerosamente a miña recomendación, alí onde vaia, nestes días.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *