Ferrol: Semana de Poesía Salvaxe

cartel salvaxe 2016 sin logos OKGonzalo Trasbach. Nestes tempos nos que a poesía nunca figura nun punto da orde do día, nestes tempos nos que asistimos ao desterro dos artigos indefinidos e definidos, nos que o contacto humano cos espíritos afíns desprazouse cara ás conversas telefónicas, aínda hai quen é capaz de levantar viñedos sobre os territorios condenados. Así é a Semana de Poesía Salvaxe de Ferrol, unha aventura marítimo poética que está arribando outra vez a porto para cumprir a súa novena singradura. Baixo o patrocinio do Concello ferrolán e con Marcos Lorenzo, Guillermo Ferrández e Karlotti ao temón, unha numerosa e variada tripulación desembarcará da nave poética para espertar a muda palidez das rúas e sementar sobre as pedras un resplandor de soles futuros de enerxía cegadora. Será dende o 13 até o 16, cando a poesía, a música, as actuacións teatrais e performances, é dicir, a palabra, recobrarán un sitio propio, relevante, na monótona axenda cotiá. Ao longo destes días, moitos poetas e artistas de variadas texturas e orixinarios de moi diferentes e distantes xeografías acoden a unha cita, un encontro, que nesta ocasión está dedicada a lembrar a memoria de Carlos Oroza (Viveiro, 1923-Vigo, 2015), singular poeta falecido o 21 de novembro do ano pasado e que tamén nalgunha ocasión deixou soar a potente voz dos seus versos nas rúas da antiga e ilustrada cidade.

karloti-salvaxeO intenso e denso programa, cuxa anterior edición recordou ao xenial Germán Coppini (1961-2013), fundador dos míticos grupos musicais Siniestro Total e Golpes Bajos, arrincará a súa primeira folla o día 13 ás 18.30 horas no palco do Cantón coa proclama poética, que escenificarán Guillermo Ferrández, Víctor M. Díez, Karlotti e Felipe Zapico. O punto central do día 14 terá lugar ás 11.00 no hotel Suízo, onde se desenvolverá a Beat Room Hotel, a cargo de Acéfalo Narciso Teatro e montada sobre textos da Beat Generation: Jack Kerouac, Ginsberg, Neal Cassady, Gregory Corso… Haberá un  segundo pase ao día seguinte á mesma hora. O ribeirense Quico Cadaval será o encargado de pechar a sesión do venres 15 na capela do Torrente (20.00), aínda que tamén actuará o 14 no Ateneo Ferrolán (18.00).

 A xornada de peche, no bar Cazadores (13.00) contará coa participación da voz galaico portuguesa de Manolo Bacalhao e a maxistral Compañía de Cabe García, que logo cederán a palabra a Manolo Rivas. Despois de completar o roteiro até a taberna O’Áncora, no Ferrol Vello, o cartel baixará o pano desta novena singradura. Poida que sexan malos tempos para a lírica, pero aínda así, no medio da torcida e vella caligrafía urbana ferrolá, hai quen loita sen descanso para manter vivo un pequeno espazo para a poesía na orde do día.

Un comentario en “Ferrol: Semana de Poesía Salvaxe

Deixa una resposta a Karlotti Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *