Coidado con Trump

trumpFrancisco Ant. Vidal Blanco. Cando Donald Trump quere presumir de intelixente faino á conta do seu tío John, poñendo por diante os xenes familiares de quen foi profesor do Instituto Tecnolóxico de Massachusetts e unhas das mentes máis preclaras en enerxía atómica que deu o pasado século, contando como lle ensinaba que era iso da enerxía nuclear cunha frase que parece un xogo de palabras, nas que se encerra a mensaxe máis tráxica que nos podemos imaxinar: o nuclear, antes de ser nuclear xa era nuclear. Co que Trump demostra que sen entender nada quere facernos ver que a tal fonte de enerxía existiu sempre e nós aquí seguimos, obviando polo tanto o feito real de que o uranio para poder usalo como materia enerxética ha de pasar por un proceso de enriquecemento que o fai potencialmente perigoso durante miles de anos.

Que o nuclear existe desde que existen os átomos xa o sabiamos, como sabemos que os seus perigos medran tras ser manipulados, e iso é o que cala Donald Trump (anque tamén llo teña explicado o seu tío), porque as súas propostas de paz para o mundo pasan por fomentar esa manipulación cara ó armamento asoballante que pretende, e que xustifica  transmitindo a idea de que o mundo é un campo de terror contra o que hai que vivir atrincheirados, obviando o uso da palabra, dos tratados e acordos, da política á fin. Un mundo no que segundo a súa opinión, quen dá primeiro dá dúas veces, e os malos son sempre os outros.

Trump parece un neno que, non tendo nada de que presumir presume do coche de papá e da moto do irmán, ata poñerse a si mesmo por herdeiro natural da capacidade intelectual do tío. Pero o que nunca vai dicir é que os traballos daquel non formaban parte da destrución masiva, senón que estaban destinados a mellorar as máquinas usadas na radioterapia, ó desenrolo dos radares e á colaboración con científicos como Van de Graaff.

Donald Trump máis ca presumir de tío, úsao para os seus fins, como un neno caprichoso e presuntuoso que non deixa de ser.

Particularmente non me gusta este candidato a home máis poderoso do mundo, e menos me gusta cando no intre de tocar o tema dos emigrantes, el que é neto dun emigrante alemán, presume da súa raza superior, como se o estado e o destino das persoas viñese marcado nos xenes como vén a cor da pel, referíndose ós emigrantes como bechos inferiores e desagradecidos, cando conta aquel mal chiste da muller que atopou unha serpe na beira do camiño, toda mortiña de frío, e a colleu e meteu no seo para que quecese, pero cando esta se reanimou mordeu mortalmente á súa salvadora, quen lle pregunta por que, e a serpe contesta, «porque eu son unha serpe».

Se alguén é capaz de contar algo así para xustificar o seu racismo, evidentemente non é boa persoa, e iso non está nos xenes da familia, iso forma parte da educación recibida e só demostra que foi un neno consentido e agora é un home desprezable.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *