Expertos que contan cos dedos

contarX. Ricardo Losada. Para saber que todas as leis educativas son unha fraude chega con analizar o currículo de calquera materia. No que a min compete, Ética e Filosofía. Inabarcables, absurdos, feitos por uns tipos que carecen da principal característica intelectual que deben ter os alumnos de Bacharelato: saber distinguir o esencial do accidental. Como lles sucede aos malos alumnos nos exames (responden todo o que saben, non o que se lles pregunta), estes expertos poñen no currículo absolutamente todo o que estudaron ao longo da súa vida. O ministerio convócaos de todas as especialidades dunha materia para que ninguén se enfade, páganlles dietas, viaxes e regalos, reúnense con toda solemnidade en ampulosas comisións para chegar a un acordo razoable, e ao final, como ninguén quere renunciar a nada (todas as especialidades son decisivas para o progreso da Humanidade), limítanse a facer un sumatorio de contidos tal e como faría un neno de cinco anos que conta cos dedos.

     Sei que a min non me chamarán nunca para asesorar un político, e fan ben. Non sei disfrazar o baleiro da miña mente con tecnicismos, vivo e ensino sen os criterios dun concurso de traslados e non teño estómago para dixerir egos en comidas de traballo e cagalos despois na intimidade ríndome deles. Pero ás veces, neses escasos días de autoestima baixa nos que penso no suicidio profesional, dáseme por imaxinar que recibo un correo do Ministerio de Educación pedíndome que elabore a parte da nova lei educativa que corresponde a Filosofía. E sempre chego á mesma e rápida conclusión. Para acadar a excelencia, os alumnos de Filosofía só terían que cumprir dous obxectivos.

     Primeiro: saber que todas as ideas e crenzas do ser humano son ficcións e que o gran problema da humanidade é que as toma por realidades. E non só que as tome por realidades, senón que crea con elas un forte vínculo emocional. A maioría da xente chega ás crenzas por algo irracional (fe, sentimentos, costumes), e é utópico pensar que van cambialas con argumentos. Pásanos como a esas persoas que din ter sido raptadas por extraterrestres. Algúns deles son enredantes, pero hai moitos (esquizofrénicos, por exemplo) que tiveron unha alucinación e experimentaron realmente esa abdución: están firmemente convencidos de que estiveron nun platillo volante. Calquera argumento en contra, só os reafirmará nesa convicción. O mesmo pasa coas ideas políticas, relixiosas ou morais: na maioría dos casos, alucinamos. Xa que logo, este sería o meu obxectivo educativo: Que os alumnos sexan quen de converter as súas ideas, crenzas e costumes de orixe non racional  (e polo tanto  irrebatibles) en ideas, costumes e crenzas con fundamento racional e, polo tanto, marabillosamente rebatibles.  

filosofía     O segundo obxectivo aínda é máis simple. Que os alumnos aprendan que a crítica é indispensable, pero comezando por un mesmo e polo propio entorno, e non polos demais. En case todos os grupos humanos ao longo da historia, os máis impresentables conseguiron impor o criterio máis pernicioso para o progreso moral do ser humano. Os trapos sucios lávanse na casa ou, na súa versión política, Se criticas os teus, estás colaborando co inimigo. Deses lodos vén o barro desa dobre moral que, como estamos comprobando en España nos últimos meses, é a causa real da baixa calidade das democracias occidentais e fonte inesgotable de incivismo e guerras civís.

     Non teño ningunha dúbida de que calquera alumno que acadase eses obxectivos sería un bo filósofo. Co primeiro conseguiría cumprir o obxectivo clásico da filosofía: buscar a sabedoría, non posuíla. Co segundo, o obxectivo moderno: ser crítico, é dicir, saír da minoría de idade e converterse nun cidadán maduro. Como di un dos mellores filósofos non filósofos que coñezo, o heroe das novelas de Louise Penny e xefe da división de homicidios da provincia de Quebec, hai catro frases que conducen á sabedoría: “Síntoo. Equivoqueime. Necesito axuda. Non o sei”. Se conseguísemos que ao cumprir 18 anos os mozos dixesen con sinceridade unha vez ao día esas catros frases, a filosofía sería o que sempre debeu ser e o que sempre deberá ser: a materia máis importante do currículo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *