Querer é querer eternamente

mesilla1X. Ricardo Losada. Amo a filosofía pero a veces é demasiado cruel. Faime pensar cousas que preferiría non pensar. O outro día, sen ir máis lonxe, vendo un álbum de fotos familiares, pensei cal das miñas me gustaría que puxese na mesiña de noite a muller cando eu morrese. Era unha pregunta dunha necrofilia morbosa bastante patética, pero o que pensei de seguido superábao, acadando a categoría de masoquista. Se xa viúva a muller namoraba de outro, que debería facer coa miña foto da mesiña de noite? Que sexa unha pregunta morbosa, non a converte en absurda. Algúns amigos téñenme confirmado algo que xa sabía por novelas e películas. Cando lle pos os cornos á muller no leito matrimonial, tes que darlle a volta á súa foto xa que sentes que che crava a mirada nas costas e non te deixa concentrar no corpo da amante. As fotos, como pensaban os pobos primitivos, rouban a alma do fotografado. Así que xa sabe a muller. Nada de fotos miñas na mesiña de noite. No outro mundo agardo que a alma teña mellores ocupacións que impedir que ela se excite.

     Un barrunte de tal despropósito levoume a pensar naquela vella diatriba que os librepensadores de todas as épocas lanzaron contra a resurrección dos corpos. Con que pinta resucitaremos?mesilla3 A do nacemento? A da morte? A dos mellores anos da nosa vida? E, neste último caso, quen decidirá, Deus ou nós? Tamén é unha pregunta necrofílica e morbosa, pero non absurda. Na eternidade o tempo non pasa e teremos sempre a mesma pinta. Escoller cal non é unha cuestión menor. Os filósofos gregos non consideraban a silueta humana como parte da nosa esencia pois podiamos adelgazar ou engordar, sentarnos ou estar de pé, facer o amor nunha cadeira ou na cama, é seguir sendo nós mesmos, pero no paraíso cristián ocorrerá algo marabilloso e (dáme a impresión) tremendamente aburrido. Ata a silueta do noso corpo será parte da nosa esencia. Sempre seremos, poño por caso, e non o meu precisamente, 90-60-90. Nin adelgazaremos nin engordaremos, nin estaremos sentados nin de pé, e faremos o amor sen mover un só músculo do corpo.

     A esas alturas da reflexión xa non se trataba de saber que silueta do meu corpo me gustaría que tivese a muller na mesiña de noite, senón que silueta do meu corpo me gustaría que tivese Deus no seu xardín. Xusto aí recordei un amigo meu que deixara a primeira muller para irse vivir con outra. Cando esta segunda morreu, puxo na conta de Facebook que era viúvo, e á súa familia non lle gustou. Nin sequera se separara legalmente da primeira muller. Problemas similares sucederán no paraíso cristián. Con que parella vivirán eternamente as persoas varias veces casadas? Se algún de vós pensa de novo que é un problema absurdo porque as persoas separadas irán ao inferno, estades anticuados. mesilla2O Papa Francisco, nunha recente exhortación sobre a familia, pediulle ás igrexas católicas que non consideren en pecado mortal aos divorciados voltos a casar sempre que manteñan “unha relación consolidada no tempo, con novos fillos, con probada fidelidade e compromiso cristián”, e non fixeran sufrir aos fillos do primeiro matrimonio, nin faltaran aos seus compromisos familiares. Con cal das dúas mulleres, xa que logo, pasará a eternidade o meu amigo? Supoño que el non o terá claro, pero eu si. Se o feito de se considerar viúvo cando morreu a segunda muller, estando a primeira e única legal viva, é un acto case demoníaco (homicidio en grao de tentativa), o feito de que volvese coa primeira, é un auténtico milagre, só pode ter unha causa divina, e síntoma claro de que esa é a muller que Deus lle ten reservado para compartir a eternidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *