Vargas Llosa vs. Pierre Lemaitre

cinco-esquinasXerardo AgraFoxo. Camiño de Madrid no Alvia/Frankenstein levo na mochila dos libros para que a viaxe sexa máis pracenteira. Cinco esquinas, do recoñecido autor peruano, comeza cunha inesperada escena lésbica ente dúas mulleres da alta burguesía limeña en tempos do goberno de Fujimori; despois vira nun argumento onde a chantaxe, a prensa amarela e os sumidoiros do Estado son o pano de fondo dun país mergullado nunha profunda crise política e social. Con estes alicerces, o autor de Pantaleón e as visitadoras ou A casa verde, constrúe unha novela que con certo aire comercial, recendo lúdico e doada redacción semella escrita pola mesma María Dueñas.

Irene, de Pierre Lemaitre, gañador do Goncourt no ano 2015 con Vémonos alá arriba, comeza cunha estraña aparición: o corpo dunha muller coa cabeza cortada despois de que o asasino lle lavara o pelo con xabón; despois arranca unha novela negra onde o inspector/anano Camille Verhoeven, debe perseguir un criminal que semella moi ilustrado polos coñecementos que atesoura sobre determinadas obras narrativas. irenePara algúns críticos esta obra é un “edificio perfecto, unha novela de cinco estrelas chamada a figurar entre os clásicos do xénero”. A min superoume, talvez porque cando este tipo de obras máis se retorcen a min máis me desagradan.

Frankenstein chegou sen novidade.

Por certo, a obra de Vargas Llosa recomendouma a mesma persoa que lle gustara O último día de Terranova. Como pode ser?

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *