Import/Export, de Ulrich Seidl

importXerardo AgraFoxo. Despois de contemplar con certa sorpresa Amor (2102), Fe (2012) e Esperanza (2013), ver agora esta película do austríaco Ulrich Seidl (Viena, 1952) é mergullarse por cuarta vez nun estilo tan explícito como marcadamente documental. A través de escenas da vida cotiá, este director, gañador do Gran Premio do Xurado de Venecia pola película Días de canícula (2001), recrea cunhas imaxes “hiperrrealistas” e uns movementos de cámara nada convencionais algúns dos problemas máis comúns que lle afectan ao ser humano: a soidade, a crueza da vida, a emigración, a prostitución ou os problemas sentimentais.

Impor/Export conta a historia de dúas persoas que toman camiños opostos nun territorio marcado pola invernía e o cruce de fronteiras. Olga (Ekateryna Rak), unha enfermeira cansada de vivir co diñeiro contado e exercer a prostitución a través de internet, deixa atrás o seu país –Ucraína– e emigra buscando unha vida mellor, aínda que só consegue que a contraten como varredora ou como asistenta nun fogar de vellos. import2Paul (Paul Hoffmann) é austríaco, vive en Viena e traballa como garda xurado ata que as cousas se lle retorcen e ten que fuxir coma un ladrón cara a Ucraína. Ela, representa a crise producida pola caída do sistema comunista. El, exemplifica o capitalismo salvaxe, é dicir, o “sálvese quen poida”.

Aínda que Import/Export (2007) non é unha película para todos os padais, Ulrich Seidl reflicte coa súa ollada fría e escenas perturbadoras –paisaxes nevadas e olladas noxentas– a vida de dúas persoas sometidas por un mundo cruel e deshumanizado.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *