Galicia e os galegos na poesía castelá XXXIX. Juana de Ibarbourou

juana1Román Arén. Se houbo unha poeta popular en toda América, a carón de Gabriela Mistral, foi Juana de Ibarbourou, “Juana de América”, aínda que hoxe comece a estar ausente das antoloxías de poesía hispanoamericana. Nacida en 1895 de pai galego, chamábase Juana Fernández Moareles, pero adquiriu o Ibarbourou por matrimonio cun militar uruguaio. Sen pai, ao emigrar, levou consigo os versos de Rosalía, que transmitiu á súa filla, como lembrou en 1963 en <La Noche> Dionisio Gamallo Fierros. Sempre tivo desexo de visitar Galicia, segundo llo manifestou a Fernández del Riego na súa correspondencia, pero nunca o fixo. Dedicounos dous poemas, o máis interesante “Galicia”, do que selecciono fragmentos que Alberto Vilanova ten reproducido:

Patria de mi padre, luminosa y grande,/¡qué profundamente te quiero también!/Me crié soñando con tu maravilla./No quiero morirme sin verte una vez./Con el niño mío, que también te ama,/¡oh, Galicia mía, hemos de traer/a la tierra india que amparó a mi padre,/algo de tu hechizo y tu sencillez!

juanaO outro poema de temática galega é “Morriña”, pero interesouse tamén polas Cantigas de Santa María como manifesta a conferencia que en 1930 editou o Centro Galego de Montevideo: “El Rey Alfonso y las cantigas de Santa María”.

Foi poeta importante por libros como Las lenguas de diamante (1919), Raíz salvaje (1922), La rosa de los vientos (1930), Romances del destino (1955) ou Elegía (1968). Foi autora tamén de poemas en prosa (El cántaro fresco, 1920) e de Estampas de la Biblia (1968).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *