Pensa como un sherpa

GolfX. Ricardo Losada. “Levanta a cabeza, disfruta das vistas. Camiña como un cowboy, pensa como un sherpa”. Se un amigo me dixese unha frase así paseando pola serra do Barbanza, chamaríalle pedante, cursi ou snob. Se a lese nunha novela ou a oíse nunha película, pensaría que os diálogos eran artificiais e afectados. Se a comentase un guía turístico, deduciría que algunha axencia de viaxes ou campaña municipal a inventara para engaiolar os turistas. En todo caso, detectaría de inmediato que me estaban intentando manipular ou levar a un lugar onde o interlocutor quería que fose. E acertaría. A frase aparece na web dunha empresa que publicita xogar nun campo de golf ao que só se pode chegar en helicóptero. Está en Nova Zelanda, nos Alpes do Sur, rodeado de montañas agrestes e nevadas a máis de 1400 metros de altitude, fronte á cidade de Queenstown. 1130 euros, con caddy, por hora e media de xogo.

Ao principio pareceume caro pero, pensándoo mellor, cheguei á conclusión de que era barato. Todos viaxamos algunha vez en avión, pero, en helicóptero? A exclusividade, como ditamina a sacrosanta lei da oferta e a demanda, págase, e págase ben. Para máis, estamos falando de Nova Zelanda, as antípodas da civilización, ter alí un helicóptero é máis luxo que en Europa ou en Norteamérica. E, xa que logo, non debe ser nada barato manter no aire un helicóptero invertido, tal e como sucede nesas rexións baixas do planeta.golf2 Levar un caddy, outro luxo. Quen xogou algunha vez ao tenis sabe o insufrible que é dobrar as costas para coller as pelotas do chan. O que gastas en caddy, afórralo en hernias, ciáticas e ataques de lumbago. E en psicólogos. Nada mellor para a autoestima que ter criado, e tendo a autoestima alta, nin depresións nin trastornos da personalidade. A saúde mental dun neno. Por certo, se ter caddy vos provoca os típicos remorsos do burgués mal asumido, recordade que a nenez é a mellor época da vida porque temos criados.

Pero iso non é nada comparado co de camiñar como un cowboy e pensar como un sherpa. Supoñendo, claro, e non teño ningunha razón para dubidalo, que no prezo vaian incluídos cadanseu curso para aprender tan escasas e apetecibles competencias. Respecto a camiñar como un cowboy, quen non desexou algunha vez camiñar como John Wayne ou, cun estilo completamente diferente, como Clint Eastwood. Pasear con pinta de pigho cun pau de golf na man por un campo verde inmaculado como Alan Ladd paseaba polas promiscuas praderías do Oeste americano é tan inverosímil que só polo feito de imaxinalo xa deberiamos pagar dereitos de autor a quen tivo tan brillante idea. Pero precisamente por inverosímil, debe ser unha experiencia única. E mil euros non son nada comparados con eses dous millóns de dólares que algúns están pagando por unha experiencia tamén inverosímil, pero irrealizable: durmir nun hotel da lúa.

E a outra proposta… Pura delicatessen. Se se tratase de escalar como un sherpa ou de pensar como un filósofo grego, a oferta carecería do máis mínimo interese. Pero… Pensar como un sherpa! Eu, que son profesor de Filosofía, pódovos asegurar que estou habituado a pensar como un grego, un alemán, un chinés ou un cherokee, pero nunca pensei como un sherpa, nin sei de que pode ir tal cousa. folioPodería consistir en pensar con pouco osíxeno no cerebro, pero ninguén pagaría por algo que pode facer gratis diante do televisor. Podería consistir en pensar mirando de arriba para abaixo, pero tampouco sería atractivo. Nunha sociedade tan soberbia como a nosa, facémolo a cotío a maioría. Podería consistir en pensar concentrando a mirada no espazo en branco da neve para atopar o nirvana. Pero tampouco sería competitivo. É o que fan os alumnos malos da ESO nos exames en canto lles pos un folio diante.

En fin… Pouco máis de mil euros por camiñar como un cowboy e pensar como un sherpa. Nótase que estamos en crise. É unha ganga.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *