Roxe de Sebes: mil días exilado na montaña

roxe1Gonzalo Trasbach. Que é Roxe de Sebes? Un lugar onde palpita a terra, contaminada a fondo pola impureza da finitude, da condición mortal. Onde está? Nunha paraxe próxima (a hora e media de distancia) á pequena e bastante afastada aldea de Soldón da Seara, na serra do Courel. Cravada entre montañas de herba atopou Ignacio Castro Rey (Compostela, 1952) a cabana do Culán, onde, tras reformar e acondicionar o habitáculo, se instalou e morou durante mil días (sete anos, 1983-1989), en intervalos de dous e catro meses. De aí o nome deste libro singular e fermoso: Roxe de Sebes. Mil días na montaña. A tremenda e anómala experiencia que viviu o filósofo e crítico de arte e cine santiagués verteuse por vez primeira nun libro no ano 2001, da man de Emilio Araúxo, quen daquela levaba o temón da editorial Noitarenga. Dez anos máis tarde A Fundación Luís Seoane (A Coruña) reeditou a obra con motivo da exposición Cabanas para o pensar.

Agora, o pensador compostelá radicado en Madrid acaba de pór nas librerías, baixo o selo Frontera Digital, a versión castelán daquela odisea ou aventura existencial sen, seguramente, equivalencia nestes tempos. Esta nova singradura conserva o alento fundamental da primeira, aínda que contén algunhas novidades: distinta distribución das fotografías (agora máis brillantes, porque están a color), un prólogo firmado polo propio autor (que tamén fixo as fotos), que é asemade o tradutor, e unha pequena introdución en cada un dos catro apartados en que está dividido o volume, tamén corrixido e actualizado.roxe2 A primeira estación é a titulada Caderno de intres, ateigada cun feixe de delicados e musicais haikus: A luz brilla na escuma do regato; Carballos poirentos na sombra do serán, ou O outono avanza, as sombras alónganse, por exemplo. O segundo apartado é Mil días: a crónica e a reflexión filosófica que vai xurdindo a medida que o illamento case absoluto no que se vivía despoxábao de toda capa de intelectualidade e era capaz de escoitar a musica inaudíbel das cousas. Logo vén Cartas dende a cabana, un lote de cartas dirixidas á familia. E por último, o ensaio Clima y acción, unha poética e unha ontoloxía sobre do lugar.

Mais, con todo, xorde unha primeira pregunta: que imperiosa necesidade empurra a un home novo a renunciar ao confort afectivo e social que tiña na cidade, para recluírse nunha paraxe perdida e completamente illada da serra do Courel, nunhas ladeiras de difícil acceso (hoxe en día, todos os camiños están cegados) e onde só moi de vez en cando chegaba algún pastor ou cazador? A esa idade, Castro Rey xa tiña vivido intensamente varias etapas (radicalismo marxista, socialismo cívico, nihilismo filosófico, hedonismo cultural…), pero non lle bastaba. Talvez lle quedaba dar unha forma a todo o vivido dun xeito tan fondo: atopar un molde no que escoitar o silencio do mundo, aquilo que o pasado progresista rexeitara como mítico ou relixioso. Coma se fose o silencio o que quedaba por explorar. Isto é: do que se trataba era facerse descoñecido, para no límite poder revivir, algo así como morrer no outro lado do mundo para renacer e volver logo entre os demais homes. Pero tamén existiron outras influencias. roxe3O intelectualismo da época: romanticismo, xeración Beat, as cabanas de Wittgenstein ou Heidegger. Con todo, o autor afirma nalgún momento do libro que, sobre todo, estaba detrás daquela “fuxida” cara a unha exterioridade que aínda conservaba  vivo case todo o seu carácter salvaxe, unha “necesidade case criminal” de escribir, de parar e pensar na violencia de todo o vivido e sentido ata entón.

Porque, ademais, quen non pasa por un exilio cruel antes de romper cun mundo e inaugurar outro? Este marabilloso libro é o resultado dun traballo filosófico que tivo unha estación clave na nudez dunha serra afastada, nun lugar chamado Roxe de Sebes, onde o noso autor tentou levantar unha obra sobre a terra firme do peor, reconstruíndo todo o experimentado ata entón dende o deserto, lonxe das distintas escolas de pensamento.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *