James Joyce, de Italo Svevo

svevoFidel Vidal. James Joyce é o título dun breve e ameno texto de pouco máis de cen páxinas editado por Argonauta. Parte dunha conferencia organizada pola revista literaria “Il Convegno” e que Svevo pronunciou en Milán no mes de marzo de 1927. Nel, o autor, Italo Svevo (pseudónimo de Ettore Schmitz) aproveita a súa sabedoría e a íntima amizade que mantivo con Joyce desde que se coñeceran en Trieste para reflexionar sobre o Ulises. Segundo Svevo o fundamental da obra de Joyce xa se atopa nos contos que conforman Dublineses. E lémbrase dos exemplares deste libro que foron queimados en 1912 polo propio editor, “por temor a reaccións locais, ao puritanismo británico e por algunha alusión á realeza”. “Eu, que sen dúbida son un verdadeiro monógamo –escribe Joyce- e que amei só unha vez na miña vida, son máis virtuoso ca todos eles xuntos”.

Aposta ademais pola importancia da biografía e os antecedentes previamente apuntados no Retrato do artista cando mozo, o cal “podería incluírse como un capítulo de Ulises”. Ao respecto, Ezra Pound di que, grazas ao Retrato de Joyce, “Flaubert entrou por fin na literatura inglesa”. Mesmo se pregunta pola influencia de Freud como base explicar os desvaríos ou libres asociacións ou os diálogos interiores aos que podemos asistir na obra Joyce: “Non tomaría da Psicanálise a idea de transmitir os pensamentos desordenados dos personaxes tal e como xorden nunha mente libre de todo control?”. O propio Joyce sinala a Edouard Dujardin -do que adquirira un relato seu nunha libraría de estación- coma o inspirador nese asunto. No entanto, e coa afirmación de Svevo de que Joyce non coñecía as obras de Freud, o propio irmán, Stanislaus Joyce, a quen lle estrañou a declaración de Svevo, lembra que posuía a Psicopatoloxía da vida cotiá (1921) e que lle interesara moito o ensaio Un recordo infantil de Leonardo da Vinci.

svevo3Malia a diferenza de idade (por riba de vinte máis vello Svevo) había tanta amizade que un bo día Joyce anúncialle: “A propósito de nomes: púxenlle o da súa esposa á protagonista da novela que estou a escribir”. Trátase de Anna Livia Plurabella do Finnegans Wake. James Joyce foi o gran introdutor da obra de Italo Svevo en Francia, Alemaña, Estados Unidos e Gran Bretaña.

Italo Svevo establece unha analoxía entre Leopold Bloom, o publicista xudeu e cornudo, e Stephen Dédalos, un mozo intelectual, con Don Quixote e Sancho, un paralelismo que días atrás, o 16 de xuño, na conmemoración do “Bloomsday”, tamén facía Gonzalo Trasbach neste mesmo Café.

O libro complétase cunha substanciosa Correspondencia de sete cartas de cada un deles entrambos escritores (1909-1924), ademais dun Apéndice que inclúe tres cartas de Ettore Schmitz (Svevo) a Eugenio Montale, daquela un novo escritor e poeta (Ossi di seppia), quen sería premio Nobel en 1975. Unha vez falecido o autor de Senilidade, de  A conciencia de Zeno (“debe saber que se trata, de lonxe, do seu mellor libro”, coméntalle Joyce) dúas entregas máis de Joyce enviadas á viúva, Livia Veneziani Svevo, que é quen pecha o libro cunha tenra e cariñosa achega sobre o propio Italo Svevo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *