Galicia e os galegos na poesía castelá. XLIII. Francisco Rodríguez Marín

francisco_rodriguez_marinRomán Arén. A memoria que hoxe temos de Francisco Rodríguez Marín (1855-1943), natural de Osuna, é a de cervantista, autor e comentarista dunha monumental edición do Quixote (1947-9), e quizais tamén a dun folclorista importante, editor dos Cantos populares españoles (1882), especialista no refraneiro castelán e editor das Poesías de Cervantes e da Gatomaquia de Lope. Pero na súa época, sobre todo entre 1880 e 1900, foi considerado un poeta digno de respecto, que mesmo foi traducido ao galego por Pondal, e moi bo sonetista: Ciento y un sonetos (1895), cunha poética prolonga o anacreontismo, sobre todo en obras como Madrigales (1893).

Director da Biblioteca Nacional, membro da Real Academia Española, foi tamén académico correspondente da RAG. Foi amigo de Murguía e Pondal, dalgún xeito pertence, modestamente, ao sistema literario galego, xa que dedicou un poema bilingüe a Rosalía de Castro, xa ben editado por Alonso Montero, que ademais lle dedicou un interesante artigo (“Rodríguez Marín y sus versos en gallego”, en <La Noche>, 3-8-19599, quen o reeditou na Coroa poética para Rosalía de Castro (19859. O poema titúlase “Rosalía de Castro. Triadas” e está estruturado en catro estrofas, das cales a segunda está escrita maioritariamente en galego e é a que selecciono:

Tan suave tristeza hallé/en sus preciadas canciones,/que leyéndolas, lloré;/y tanto me cautivaba,/que lloraba, y más leía;/y leía, y más lloraba,/siendo andaluz, fui gallego;/os envidié en vuestro fuego;vosas augas, vosas frores,/vosos ventiños d’a serra/cheos de tristes rumores;/vosas igrexas caladas;/as queixumes d’eses pinos;/os sospiros d’esas fadas;/vosas noites feiticeiras/ó refrexo d’alba lúa;/vosas festas pracenteiras;/vosa gallega canzón;/o soave alalá q’enche/d’encantos o corazón;/vosos cantos populares;/vosa gaita melencónica,/q’é tesouro d’os cantares:/tod’o que, pra mais efecto,/falado é xusto, sin duda,/n’o voso doce dialecto.

O poema editouse por vez primeira en <La Patria Gallega> en 1892, tras o traslado do corpo de Rosalía de Adina a Compostela. Remata cunha cuarta estrofa de só doce versos, todos en galego e moi incluídos, claro é, por Rosalía:

Airiños d’a miña terra,/aires, airiños de Osuna/volade pol’alta serra;/collede á fror os perfumes,/collede a fala dos paxaros,/collede agrestes queixumes:/collede, todo eso, en suma,/e envolto n’os seus sospiros/levayo como unha pruma;/levayo d’a Andalucía,/como ofrenda d’o meu peito,/acaba de Rosalía.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *