A historia imaxinada (I)

ficcion1Antón Riveiro Coello. A literatura é unha creación individual e, ao ser produto da imaxinación, pode ir máis alá dos límites das obras científicas, que, nun principio, si están supeditadas polas obras precedentes, por eses referentes que as alimentan, pero que tamén as coartan. A historia escrita si ten unha fronteira deontolóxica que é precisamente o documento do que non pode prescindir e que non nace nunha realidade imaxinada, senón como testemuña referencial de algo externo. Por iso, os historiadores, de primeiras, rexeitan a literatura pola súa ficción e desconfían dela negándolle a súa función de fonte.

Na literatura non hai referencialidade máis alá do seu alcance semántico e neste campo é onde se sitúa a función poética que diferenza o seu discurso do científico.

Algo distinto acontece na linguaxe científica porque hai unha dependencia castradora dos referentes externos que validan a súa verdade e néganlle ao historiador a posibilidade de vernizar os feitos cun significado poético.

Non obstante, se afondamos en cómo a ciencia histórica constrúe o seu referente comprobamos que hai unha certa contradición que consiste precisamente en que a formación dese paradigma non se pode facer fóra do eido lingüístico, porque a historia bota man do documento, e o documento é texto; de aí xurdiría esa ilusión referencial ou ese efecto de realidade do que fala Barthes.

Cando se nos di que a historia é un saber científico e a novela un saber narrativo, estase omitindo o feito de que a propia historiografía ten a súa narratividade e usa o instrumento da linguaxe para argallar un relato do pasado.

ficcion2Hayden White apunta que calquera narración (e un texto historiográfico tamén o é) supón un xeito discursivo que implica subxectividade porque, tanto no caso da literatura como na historiografía, constrúese un mundo de realidade coa mesma ferramenta: a linguaxe. E de nada lle vale ao historiador clásico esa teima de lle deixar á literatura a súa función divulgativa do que xa está probado e é coñecido, e rexeitar a súa posibilidade de fonte, porque, ao final, ese historiador cando quere procurar ese texto verdadeiro, ese referente para calquera texto literario, non se quere decatar de que el mesmo tamén ten un referente fóra de si.

Todo isto entraña a afirmación de que a historia ten unha débeda importantísima coa ficción, sobre todo, cando é o propio texto o instrumento esencial para expresar a realidade, situación que conduce á conclusión de que a historia, botando man das palabras, se converte en narrativa e, de aí, é susceptible de ser analizada non só histórica senón tamén literariamente. É evidente que, con independencia da vontade do historiador, a súa obra aparentemente científica válese do marco narrativo para precisar os feitos e esta relación desemboca en argumentos ficcionais.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *