A historia imaxinada (II)

ficcion3Antón Riveiro Coello. A ficción que se dá nas obras históricas é moi distinta da que se dá nas obras literarias. O historiador, aínda que sometido á disciplina dun paradigma, cando ordena o pasado e manexa documentos que versan sobre sociedades e feitos que xa non existen, ten que empregar a imaxinación, non lle queda outra volta, pero a súa non é unha imaxinación desatada e libre como a do escritor, senón que está marcada pola prudencia, polos límites da posibilidade e por un uso medido e controlado do imaxinario. Mais tamén é verdade que a historia tense ido formando como disciplina e mesmo na antigüidade había certa confusión nos dous eidos, sobre todo porque as lendas e a narrativa remataban, ás veces, por se converteren en parte da historia oficial; a realidade histórica e a lendaria converxían nun mesmo punto. Pensemos, por exemplo, no camiño que un historiador pode seguir para investigar sobre a guerra de Troia. Máis alá de calquera achado arqueolóxico que bote nova luz sobre a cuestión, non terá outra volta que sentar as súas pescudas sobre o único texto existente: a Ilíada de Homero, un poema épico, que para a disciplina máis rigorosa terá a eiva literaria, pero que é a única achega informativa posible.

No pasado, algúns historiadores admitían certo tipo de probas literarias asentadas na contemporaneidade dos feitos e moitos personaxes históricos adquiriron o seu carácter real en páxinas tan pouco fidedignas como as da épica e da literatura. Se facemos a pregunta de quén lle prendeu lume a Roma no primeiro século despois de Cristo, de certo que unha grande maioría non dubidaría da autoría de Nerón, ignorando que cecais esa culpabilidade fose unha invención do historiador romano Suetonio.

Tamén poderiamos poñer o exemplo épico do Cid, ou reflexionar sobre a conquista de América na que a meirande parte das fontes son crónicas dos conquistadores, ou de freis que, se ben teñen o carácter literario da épica, tamén son testemuño e conteñen unha fonda base histórica.

ficcion4O teatro de Shakespeare ou Lope de Vega deulle ao pobo a posibilidade de coñecer unha historia que, aínda transfigurada, foi única para moitos. Steiner preguntábase sobre as influenzas que cabe atribuír a Shakespeare e ao mundo por el inventado: “Cada provincia pertence ao mundo de Shakespeare, cada continente, cada océano, ¡é un verdadeiro mapamundi!… Creou Verona e Venecia cando xa existían”. “Creou o que existía”, desprestixiando a realidade e a percepción positivista dos contemporáneos. “Shakespeare forzou a historia inglesa. Os nosos reis son os de Shakespeare, as nosas batallas son as de Shakespeare. El non viu eses arquivos”.

O que está claro é que a ficción enche os baleiros da vida. Colócase entre a realidade e os desexos, e a nosa realidade é maior na medida na que soñamos e desexamos esa ampliación ficcional do noso mundo restrinxido, insatisfeito. Esa fenda entre o que somos e o que nos gustaría ser sempre se enche de ficción.

Ademais, a ficción é un xeito de coñecemento e a súa fantasía non sae da nada senón que ten as súas raigames afincadas na realidade.

Por iso, gusto das palabras de Flaubert cando din que sen a imaxinación a historia é imperfecta.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *