As rosas de Stalin, de Monika Zgustova

rosasXerardo AgraFoxo. A protagonista deste excepcional libro é Svetlana Allilúyeva, unha rapaza que coñeceu o amor á mesma idade que descubriu o horror. Tiña 16 anos cando namorou dun cineasta de orixe xudía que seu pai decidiu enviar ao GULAG. Non era a primeira vez que lle esnaquizaban a vida. Uns anos antes suicidárase súa nai e os seus irmáns morreran ante a indiferenza do home que os trouxera ao mundo. Máis adiante, cando comezou unha relación sentimental cun hindú co que seu pai lle prohibiu casar, decidiu fuxir da Unión Soviética. A India foi o primeiro país que visitou, pero Indira Gandhi negoulle o asilo.

Así comeza esta obra sobre a filla de Stalin. Unha historia que esta autora checa (Praga, 1957) descobre a partir duns relatos autobiográficos que atopou nunha librería de vello en Nova York.  Cun medido ritmo literario conta unha peripecia vital que lle recorda a sufrida polos seus pais cando fuxiron do réxime comunista checo nos anos setenta. rosas2A través dunhas páxinas ben documentadas coñecemos como Svetlana Stalin se viu obrigada a deixar os seus dous fillos en Moscova para acadar a liberdade soñada, pero sempre coa KGB e a CIA detrás das súas inestables pegadas. E como se viu posteriormente envolta nunha serie de decisións, como entrar na comuna que controlaba no deserto de Arizona a autoritaria viúva de Frank LLoyd Wrigt, que a arruinaron e a levaron ata un futuro sen acougo. As sombras da súa infancia –como filla dun exterminador e unha suicida– e o seu carácter inestable  perseguírona ata a súa morte no ano 2011 en Wisconsin.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *